Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Neda
O Concello de Neda aprobou a súa Ordenanza de normalización lingüística. Tras a aprobación provisional o 30 de maio de 2022 e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP da Coruña do 26 de xullo de 2022.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 26 de xullo de 2022 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Neda, un texto aprobado no Pleno municipal o 30 de maio de 2022.
Este texto normativo do Concello de Neda declara o galego como idioma oficial do Concello, por ser lingua propia e oficial de Galicia. Por tanto, establécese que “O Concello de Neda empregará o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galiza e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas”.
Ao longo dos seus 20 artigos distribuídos en 13 capítulos regúlase o uso oficial do idioma galego; o ámbito de aplicación; a atención ao público; o emprego da lingua na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais e no encargo e contratación de servizos; na sinalizacións e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións coas empresas privadas; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia, nomes de rúas, emprazamentos ou edificios.
Tamén se establece no seu articulado a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma galego e o labor de mellora da calidade lingüística e da linguaxe democrática e inclusiva.
SEN MENCIÓN DO DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
A pesar de que o Concello de Neda conta cun servizo de normalización lingüística compartido coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, no texto da ordenanza non se fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución para desenvolver as accións de impulso institucional do idioma mencionadas no artigo 19, entre elas, pór en marcha “programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega”, ou fomentar “o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, na onomástica, no deporte, nas novas tecnoloxías, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade, no ámbito relixioso, no turismo, na integración social, na música, no asociacionismo, etc.”.
Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Neda, en .pdf