O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 14 de marzo de 2019 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza de normalización lingüística do Concello da Cañizae, unha proposta que foi aprobada no Pleno municipal o 30 de novembro de 2018.
Este texto do Concello da Cañiza declara o galego como lingua propia e oficial do Concello, idioma de uso normal en todas as súas actividades. Por tanto establécese o uso da lingua galega “nas súas actuacións administrativas internas e nas relacións cos cidadáns e coas entidades públicas de Galicia”.
Ao longo dos seus 12 capítulos e 24 artigos, regúlase o uso do galego e a acción lingüística do concello nas resolucións e documentación administrativa; nas relacións con outras administracións; na atención ao público e na comunicación coa cidadanía; nos anuncios, publicacións e actividades públicas; na toponimia, sinalizacións e rótulos; e polo persoal ao servizo da corporación. Tamén se establecen a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma e os mecanismos de cumprimento, seguimento e actualización da ordenanza.
O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA(SNL)
Os obxectivos e as funcións do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal tamén quedan establecidas nesta ordenanza en varios artigos, aínda que o 23 é o dedicado especificamente a este departamento, que ten por fin “coordinar as actividades e proxectos que protexan o idioma galego e pulen pola súa normalización tanto na administración como no seu uso público”, “coordinar as actividades e proxectos de normalización na súa totalidade” ou asesorar e “resolver dúbidas lingüísticas”.
Ordenanza de normalización lingüística do Concello da Cañiza, en .pdf
Ordenanza de normalización lingüística do Concello da Cañiza
O Concello da Cañiza acaba de aprobar a súa Ordenanza de normalización lingüística. Tras a aprobación provisional o 30 de novembro de 2018 e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 14 de marzo de 2019.