Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI
O pasado 2 de xuño de 2012 tivo lugar o acto de ingreso de Xosé Luís Regueira como académico numerario da Real Academia Galega, no que leu o discurso Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, que se pode descargar nesta nova
O discurso que o profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luís Regueira, elaborou para o seu acto de incorporación á RAG leva por título Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI [.pdf] no que recoñeceu a lingua coma algo máis ca un código de comunicación ou ca un instrumento; defendeu que “a lingua configura de maneira decisiva a nosa identidade social, e mesmo a nosa identidade como individuos”, xa que “a elección de lingua e a maneira de falar non son simplemente o reflexo de quen somos, senón que nos fai ser quen somos, ou máis precisamente, permítenos ser nós mesmos”. Xosé Luís Regueira afirmou tamén que “a lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo, e nela quedaron gravadas a lume as vicisitudes maiores da nosa historia, desde a romanización ás pegadas dos habitantes dos castros, desde o contacto con Europa na Idade Media, ata o predominio do inglés nos nosos días, sen esquecer, ben é sabido, a fonda pegada do dominio do castelán durante, cando menos, os últimos cinco séculos”. Por último, desexou que a Academia non perda os fíos coa “oralidade primeira”, esa que é “a lingua que nos fai existir, que nos constrúe como pobo e como nación con voz propia no mundo”.