O Campus Sur de Santiago de Compostela volve acoller, un ano máis, o Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e por Galiza Nova, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e con Caixanova.
MÚSICA PARA TODOS OS GUSTOS
O sábado 24 a partir das 11 da noite subirán ao escenario principal Os Cuchufellos, Galegoz, Banda Potemkin e Santa Macairo Oskestar, e o domingo 25, a partir das 10 da noite, será a vez de Bellón Maceiras, O Questrada e Susana Seivane. Ademais, en formato máis reducido, no café concerto, actuarán o sábado Litanei e Snatch, e o domingo Héctor Lorenzo & Álvaro Vieito e Alejandro Vargas Trío.
NOVAS TECNOLOXÍAS PARA A CREATIVIDADE GALEGA
Na Galería de Novas Tecnoloxías e Contidos Culturais, o sábado 24 a partir das 19.00 h presentarase o proxecto Toupa.net, Cultura para levar, o concurso Musicando a Carvalho Calero ou o proxecto de aCentral Folque. Ademais, ao longo dos dous días darase a coñecer proxectos como Blogaliza.org, Glug, Reditegal o A Casa da Música.
DEBATE E IDEAS QUE NON FALTEN
A Galería das Ideas acollerá diversos debates, como por exemplo Cultura libre? Dereitos de autoría, creación e cultura galega; A quen beneficia o esquecemento? A voltas coa memoria histórica; Mulleres en marcha até que todas sexamos libres! ou Relixión, laicismo e sociedade no ano Xacobeo.
TODAS AS NOVIDADES EDITORIAIS AO TEU DISPOR
O Festigal acolle ademais venda de libros, con postos de librarías e das principais editoriais galegas que, ademais, aproveitan esta feira da creatividade para presentaren as súas últimas publicacións. Deste xeito, o Festigal acollerá a presentación de libros como, entre moitos outros, Noente Paradise, de Ugia Pedreira; Animais!, de Séchu Sende; Sol de Inverno, de Rosa Aneiros; Tres cores: azul, de Moncho Iglesias; Parecía não pisar o chão, de Carlos Taibo; A Intervención, de Teresa Moure; etc. Ademais, tamén se presentarán as primeiras edicións de Cantares Galegos e de Sempre en Galiza en versión galego-portugués, ou o proxecto Liquilí, o portal galego da cultura infantil.
AS PUBLICACIÓNS SOBRE LINGUA CUN PROTAGONISMO ESPECIAL
E, entre tantas presentacións de libros, o sábado 24 pola tarde tres delas serán de reflexións, análises e propostas sobre o proceso de normalización da lingua galega:
19.15 h. Presentación do libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón. Falarán:
– Manuel Bragado, editor de Xerais de Galicia
– Alba Nogueira, profesora da USC
– Caetano Díaz, director do xornal Galicia Hoxe
– Carlos Callón, presidente da Mesa e autor do libro
20.00 h. Presentación do libro Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín. Falarán:
– Francisco Pillado, editor de Laiovento
– Narciso de Gabriel, escritor
– Goretti Sanmartin, coordinadora
22.00 h. Presentación do libro Estudos xurídicos sobre o Decreto do plurilingüismo de Luís Villares. Falarán:
-Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo
-Dalila Dopazo, xuíza
-Alba Nogueira, profesora de Dereito da USC
-Francisco Pillado, editor de Laiovento
-Luís Villares, maxistrado e coordinador da publicación
CREAMOS AUDIOVISUAL
Por iso, tanto o sábado 24 como o domingo 25, de 16.00 h a 18.30 h, se proxectarán as obras premiadas no Festival de Cans e mais no Filminho, Festival de Cinema Galego e Portugués que ten lugar en Vila Nova de Cerveira e en Tomiño.
E o sábado todo o día tamén estará na feira a Caixiña dos Mistos, unha caravana moi especial con cinema para nenas e nenos!
MOSTRA DE ARTESANÍA, ASOCIACIÓNS…
Máis de vinte organizacións sociais amosarán no Festigal o seu traballo; trinta artesáns e artesás porán ao dispor do público as súas creacións; unha ducia de tendas ofrecerán creatividade galega en camisolas, discos, xogos, etc.
E AÍNDA MOITAS MÁIS COUSAS
Na Galería de Cultura Tradicional haberá mostra de instrumentos, traxes, bonecas e tamén actuacións, obradoiros, etc. No Espazo de Animación haberá monicreques, obradoiros, clown… E tamén hai zona de xantar, bares, zona acampada… Un sen fin de propostas e servizos para convidarnos a participar e gozar da creatividade galega.
Programación e información completa en www.festigal.com
O talento galego concentrado no mesmo espazo durante dous días. Festigal 2010
Concertos de noite e de día, presentacións e venda de libros, feira de artesanía, feira de asociacións, mercado de creatividade galega, presentacións de proxectos, debates, proxeccións de curtametraxes, etc. E todo, co galego como nexo de unión, como punto común, como razón de ser. O sábado 24 e o domingo 25 de xullo o talento galego concéntrase no Festigal, en Santiago de Compostela