O Observatorio da Lingua Galega impulsado pola SXPL analiza oito grandes ámbitos da sociedade galega, consonte cos estabelecidos no Plan xeral de normalización: administracións públicas, educación, medios de comunicación, economía e empresa, sanidade, cidadanía, tecido asociativo e telecomunicacións. Facendo sucesivas observacións no tempo destes oito sectores preténdese facilitar unha medición e valoración do impacto das actuacións en materia de lingua.
Os primeiros datos dados a coñecer polo Observatorio son resultado dun traballo de análise cuantitativa baseada na realización de máis de 7.000 enquisas en diferentes ámbitos e dun traballo de análise cualitativo realizado a partir de 22 paneis de escoita.
Todos os datos poden consultarse no web deste Observatorio (www.observatoriodalinguagalega.com), tanto mediante documentos con resumos das observacións por ámbitos como mediante estatísticas por ámbitos ou por variábeis ou por índices de normalización.
O Observatorio da Lingua Galega actualiza os datos sociolingüísticos do país en todos os ámbitos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presentou o Observatorio da Lingua Galega, unha iniciativa para coñecer a situación actual do galego na sociedade de xeito global e desde unha perspectiva tanto cualitativa como cuantitativa. No web deste Observatorio xa se fornecen datos de todos os sectores.