A situación sanitaria non nos impediu organizar este ano unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua, o evento de charlas dun máximo de 15 minutos para compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua.
Mais si houbo cambios e adaptacións ao contexto de pandemia: os vídeos graváronse sen público e chegarán ás pantallas dos nosos dispositivos electrónicos a partir deste domingo na canle de YouTube da CTNL e no Facebook do LGx15, onde xa se poden ver algúns extractos. As estreas dos vídeos terán lugar todas ás 21.00 h.
SETE INTERVENCIÓNS PARA O FUTURO DA LINGUA
A sexta edición do LGx15 inclúe sete charlas breves, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. As persoas convidadas este 2020 ao LGx15 faláronnos dos seguintes temas:
– Ángel Carracedo (doutor en Medicina pola USC) abordará desde a súa experiencia persoal o uso do galego na ciencia, no ensino universitario ou na divulgación científica, cunha intervención titulada O galego na miña vida. Poderemos vela o domingo 22 ás 21.00 horas.
– Ao día seguinte (luns 23) é a vez Esther Estévez, xornalista que coñecemos polo fenómeno lingüístico-mediático do ano, o #DígochoEu, desafíanos co título E falarei como eu queira, ou? para tratar das vantaxes de transmitir contidos lingüísticos de forma divertida.
– Adrián Dios (adestrador de baloncesto e profesor universitario) tamén nos falará da súa experiencia como adestrador e árbitro de baloncesto e daranos argumentos para que o galego se asente na práctica deportiva, especialmente dos nenos e das nenas. Poderemos escoitar Sempre coa lingua fóra: usando o galego no deporte o martes 24.
– Beatriz Campos é actriz, narradora e presentadora. Coa súa intervención, En galego, dende o berce, conseguirá convencernos da nosa responsabilidade para transmitir a lingua e daranos estupendos consellos para logralo. Será o mércores 25 de novembro.
– Laura Marín é a participante máis nova desta edición pero ten as ideas moi claras. Desde a súa mirada de 16 anos sabe cal é O camiño para volver ó galego, superando as dificultades con moito compromiso e constancia. Escoitarémola o xoves 26.
– O penúltimo participante é Manuel Gago (xornalista, profesor universitario e escritor), quen nos falará de palabras, patrimonio e o sistema operativo de Galicia. Levo milenios de memoria entre os meus beizos é o suxestivo título da súa intervención, que poderemos escoitar o venres 27.
– E o LGx15 de 2020 pecha co dúo de moda nestes momentos, Verto. Alberto Mira e Fernando Peleteiro falarannos de Música pop e normalización lingüística, da democratización da música e de como ven eles o futuro. Será o sábado 28 de novembro ás 21.00 h.
Todas estas intervencións foron gravadas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, grazas á cesión do espazo por parte do Concello de Santiago de Compostela. Así mesmo, o LGx15 conta coa axuda económica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os sete vídeos deste ano uniranse ás 38 intervencións das edicións anteriores. Todas elas poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017, 2018 e 2019).
O LGx15 2020 comeza este domingo na túa pantalla
Este ano trasladamos a edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua ás pantallas dos vosos dispositivos electrónicos, cunha versión de vídeos en liña que se estrearán en YouTube e Facebook entre o domingo 22 e o sábado 28 de novembro ás 21.00 h.