O informe da RAG será de total rexeitamento ao borrador de “decreto do plurilingüismo” e estará esta semana; o do CCG, en febreiro

A Real Academia Galega, que presentará o seu informe esta mesma semana ou a principios da próxima, xa adiantou o claro rexeitamento ao borrador presentado polo goberno. O Consello da Cultura Galega fíxase como data límite para presentar o informe a primeira semana de febreiro.

En declaracións ao Diario Cultural da Radio Galega do 12/1/2010, o presidente en funcións da RAG, Manuel González, anunciou que esta mesma semana rematará o proceso de elaboración do informe que a Xunta de Galicia lle encargou á RAG sobre o borrador do decreto do uso das linguas no ensino co que se derrogará o Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no sistema educativo. Mentres, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, anunciou que o informe desa entidade será aprobado a primeira semana de febreiro.

“Total rexeitamento” da RAG ao borrador presentado pola Xunta



Para a elaboración dese informe a RAG convocou unha xuntanza plenaria na que, segundo Manuel González, “a postura unánime dos académicos presentes, foi de claro rexeitamento ao borrador de decreto presentado pola Xunta”, e salientou que nesa xuntanza “a participación foi moi alta, xa que acudiron case todos os académicos”.

Para a elaboración do informe a RAG creou unha comisión, que está formada por:

-Xosé Luís Axeitos Agrelo

-Manuel Rivas Barrós

-Xesús Ferro Ruibal

-Víctor Fernández Freixanes

-Francisco Fernández Rei

Esta comisión analizará os diversos informes individuais feitos polos/as académicos/as e faralle unha proposta de informe ao plenario que, unha vez aprobado, lle será remitido á Xunta e será presentado publicamente. Este informe será minucioso e analizará aspectos pedagóxicos, lingüísticos, xurídicos, de recepción social, etc.

Segundo adiantou o presidente en funcións da RAG, “todo o que supoña un retroceso do galego no ensino, a Real Academia Galega non o vai aceptar”, e deste xeito sinalou tamén que “nin sequera o decreto de 2007 é suficiente para recuperar o galego, mais si é aceptábel se vai acompañado de moitas outras medidas a prol da lingua”, mais esta proposta feita agora polo goberno non.

O informe do Consello da Cultura, na primeira semana de febreiro

Pola súa banda, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, informou que se reuniu a Comisión Executiva do organismo e que decidiu crear unha comisión formada por membros da área de lingua e da área xurídica e por expertos en didáctica, dereito e lingua. Así, esta comisión estará formada polos seguintes membros do plenario:

-Rosario Álvarez Blanco. Directora do Instituto da Lingua Galega. Filóloga e profesora da USC.

-Víctor Fernández Freixanes. Coordinador da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG. Editor e escritor.

-Henrique Monteagudo. Secretario do CCG e director do CDSG. Sociolingüista e profesor da USC.

-José Antonio García Caridad. Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

-Ramón Máiz Suárez. Catedrático de Ciencia Política da USC.

-Helena Villar Janeiro. Fundación Rosalía de Castro. Mestra.

Segundo Monteagudo, esta comisión fará unha proposta que deberá ser aprobada pola comisión executiva e que será levada ao plenario na primeira semana de febreiro.

O 23 ou 30 de xaneiro a RAG terá nova presidencia. De momento, Ferrín é o único candidato

Segundo informou no mesmo programa de radio Manuel González, o plenario de elección do/a novo/a presidente/a da Real Academia Galega terá lugar o 23 de xaneiro, ou como moi tarde o día 30.

Até o momento hai unha candidatura presentada formalmente, a de Xosé Luís Méndez Ferrín, que foi presentada por Xosé Ramón Barreiro, Xosé Luís Axeitos e Ramón Lorenzo. Poderanse presentar aínda candidaturas até 48 horas antes do plenario, e estas deberán estar avaladas por tres académicos/as.

Información relacionada nos medios:

Escoita o Diario Cultural do 12/1/2010

Rechazo “total” en la Academia al decreto del gallego [El País, 12/1/2010]

La Academia mostrará su «total desacordo» con el decreto del gallego [La Voz de Galicia, 12/1/2010]

A Academia pronunciarase esta semana sobre a norma [Xornal de Galicia, 12/1/2010]
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio