Dende a súa fundación en 1971 a recolleita sistemática do galego oral foi unha das principais liñas de investigación do ILG.
De xeito practicamente ininterrompido, desde o ano 1974 á actualidade persoal investigador do ILG realizou gravacións de etnotextos en moitos puntos do dominio lingüístico galego á vez que dirixiu traballos académicos nos que o material fundamental para analizar era unha mostra do galego oral. Esas gravacións, xunto con outras en depósito de xente allea ao ILG, constitúen o Arquivo do Galego Oral co que se pretende construír un corpus de interese multidisciplinar para estudar a situación da lingua oral.
Os seus principais obxectivos son a posta en rede dun banco de textos orais co que configurar unha especie de atlas da oralidade e a realización dun corpus informatizado do galego oral para o estudo léxico e gramatical. Como retos máis inmediatos propóñense inventariar e catalogar todo o material dos subarquivos que contén o AGO, pendurar en internet mostras de etnotextos agrupados tematicamente e representativos das áreas lingüísticas do galego e á vez actualizar e completar as coleccións de textos e outras gravacións.
O web do Arquivo do Galego Oral (AGO) recolle de momento unha escolma de 43 etnotextos correspondentes a 34 concellos galegos que tratan na súa maioría sobre a guerra civil e a posguerra, pero tamén sobre crenzas, lingua ou festas, romarías e costumes.
Subarquivos
O AGO consta de cinco subarquivos, dos que tres son de etnotextos con mostras de galego esencialmente popular: un de gravacións da década de 1970 do Atlas Lingüístico Galego (unhas 30 horas); outro de textos da década de 1980 (sobre 350 horas correspondentes a unhas 800 localidades); e un terceiro de 1992 á actualidade, o de maior volume cunhas 1.000 horas gravadas a máis de 5.000 informantes en 305 dos 315 concellos de Galicia (e tamén das comarcas estremeiras de fala e cultura galegas de Asturias, León e Zamora e dos tres concellos de Cáceres onde existen falas esencialmente galegas), gravacións practicamente todas dixitalizadas e clasificadas tematicamente.
O cuarto subarquivo é o Cancioneiro Popular Galego de Schubarth e Santamarina (unhas 350 horas de gravación realizadas por Schubarth en 82 concellos de Galicia e en 13 das comarcas estremeiras, xunto con melodías de gravacións do ALGa e de varios arquivos musicais). O quinto subarquivo son textos galegos en rexistro culto (unhas 300 horas), especialmente conferencias sobre a realidade sociocultural de Galicia a cargo de especialistas en política, historia, etnografía, lingua ou literatura, así como presentacións de libros e diversos actos.
O equipo
O Arquivo do Galego Oral estivo dende a súa creación dirixido polo profesor Francisco Fernández Rei, con quen colabora na actualidade un importante grupo de persoas: Carme Hermida Gulías, como subdirectora, os investigadores Carme Ares Vázquez, Xosé Henrique Costas González, Ana García García, Carme García Rodríguez e Xavier Varela Barreiro, e o informático César Osorio.
+info
O ILG presenta o Arquivo do Galego Oral, con dúas mil horas de gravacións
Dúas mil horas de gravacións a 7.000 informantes da práctica totalidade dos 315 concellos galegos e de boa parte dos 38 das comarcas de fala galega de Asturias, León e Zamora e dos tres lugaris de Cáceres conforman o Arquivo do Galego Oral (AGO) do Instituto da Lingua Galega (Ilg) da USC