O galego é unha oportunidade, tema da final galega do Club de Debate, este sábado 4 en Santiago

Este sábado 4 de maio ten lugar en Santiago de Compostela a final galega do Club de Debate organizado desde os SNL de dez concellos. O tema sobre o que debaterán os seis equipos que disputan esta final, aberta ao público, é “O galego é unha oportunidade”

Os debates desta fase final do Club de Debate, abertos ao público, teñen lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O primeiro deles terá lugar ás 10.15 h, e haberá seis ao longo de todo o día. Os dous equipos que máis puntos reciban neses seis debates protagonizarán unha final, ás 18.45 h, da que sairá o equipo gañador, que levará como premio unha viaxe cultural dunha fin de semana para 25 persoas.

Os equipos participantes nesta fase final, representantes das seis zonas en que se divide o certame, son o CPI dos Dices (Rois), o CPR María Auxiliadora-Salesianos (Ourense), o IES Castelao (Vigo), o IES Parga Pondal (Carballo), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e o IES Saturnino Montojo (Ferrol).

Este Club de Debate é unha actividade organizada de maneira colaborativa desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 10 concellos, que son Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo. Ao longo do ano tiveron lugar fases de zona, e os equipos que chegan agora a esta final son os gañadores desas fases territoriais.

Os equipos teñen que defender en cada debate unha postura, a favor ou en contra, sobre o tema proposto, e os criterios que se teñen en conta para a puntuación son a capacidade de convicción dos posicionamentos; a calidade, orixinalidade e pertinencia na argumentación; a capacidade para provocar que se preste atención; a seguridade e manexo da situación, dos tempos e do espazo; a capacidade de improvisación e soltura nas intervencións; a capacidade de oratoria e linguaxe variada e apropiada; a calidade lingüística; a comunicación non verbal axeitada; o uso eficaz de material de apoio; e o funcionamento como equipo, coordinación e actitude.

Os obxectivos da actividade son favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico; e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

HORARIO

Acreditación de equipos: 9.30 h

Presentación e benvida: 10.00 h

1.º Debate: 10.15 h

2.º Debate: 11.10 h

Descanso: 12.05 h

3.º Debate: 12.30 h

4.º Debate: 13.25 h

Xantar: 14.20 h

5.º Debate: 16.30 h

6.º Debate: 17.25 h

Descanso: 18.20 h

DEBATE FINAL: 18.45 h

Proclamación do equipo gañador e entrega de premios: 19.45 h

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio