- Podes descargar esta análise en formato .pdf [190 KB]
- Podes descargar os programas de lingua completos das distintas organizacións políticas para as eleccións do 1 de marzo de 2009 [.pdf, 4,88 MB]
BNG
Igualdade xurídica de galego e castelán no novo Estatuto, rede territorial consorciada de servizos de normalización e medidas en todos os ámbitos e desde todas as áreas do goberno
-Apartado: “Lingua”, dentro de “Avanzando no ensino, a lingua e a cultura”.
-Localización: no medio do programa, entre desenvolvemento económico e ordenación territorial.
-Páxinas: 5 de 210 (ademais de moitas outras medidas transversais recollidas en practicamente todos os apartados do programa). [2,4%]
-Idioma: galego.
-Análise xeral do programa:
- O BNG presenta un amplo programa de política lingüística, cunha análise crítica da acción do goberno na lexislatura 05/09, da que se di que houbo “tépedos avances ligados a consellarías gobernadas por nacionalistas”, mais que non houbo un verdadeiro cambio transformador, debido en gran parte á “actitude pasiva, de inanición total e mesmo ás veces contraproducente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística”. Deste xeito, o BNG considera que esta foi “unha lexislatura practicamente perdida que cómpre recuperar impulsando a SXPL para que cumpra os obxectivos para o que foi creada”.
- Co obxectivo de “normalizarmos a situación da lingua e estendermos a toda a sociedade o uso do galego”, o BNG presenta un completo programa de obxectivos e medidas estruturadas en 12 puntos, baseándose en que a normalización debe ser un compromiso de todo o goberno e non unha materia en exclusiva dun departamento: administración, novas tecnoloxías, mocidade, comunicación, economía, deporte, cultura, xustiza, relixión, migración, achegamento ao ámbito galego-portugués e galego exterior.
- Igualdade xurídica do galego co castelán no novo Estatuto de Nación para Galiza.
- Cumprimento dos obxectivos do PXNLG como paso inicial de normalización social da lingua.
- Creación dunha rede estruturada e coordinada de servizos de normalización lingüística de carácter territorial, unha estrutura nacional consorciada que concite os esforzos das diferentes administracións públicas e entidades privadas.
- Vinculación de todas as contratacións e axudas públicas de todos os ámbitos ao uso da lingua galega.
PPdeG
Bilingüismo, derrogación do Decreto de promoción do galego no ensino e oficina para a defensa dos dereitos lingüísticos de falantes de castelán e galego
-Apartado: “Lingua”, dentro de “Lingua, cultura e patrimonio”, dentro do programa de “Autogoberno”.
-Localización: último apartado do programa, despois de relacións institucionais e acción exterior.
-Páxinas: 10 de 320 (ademais dalgunha referencia xeral nalgúns apartados concretos). [3,1%]
-Idioma: galego.
-Análise xeral do programa:
- O programa de lingua do PP comeza cunha ampla introdución na que se critica a política lingüística do bipartito, que “ao servizo dos intereses dunha minoría nacionalista pretende impoñer o monolingüismo, apostando pola substitución das políticas de fomento e de promoción, a favor de políticas de imposición e de sanción”.
- No seu programa o PP recoñece que para a normalización da lingua “aínda queda terreo por percorrer nalgúns ámbitos públicos e sociais: a xustiza, a empresa, as novas tecnoloxías e os medios de comunicación, entre outros”, para o que aposta por un “bilingüismo integrador baseado no coñecemento por todos de ambas as linguas e no dereito da libre opción lingüística”.
- Derrogación do Decreto de fomento do uso do galego no ensino para garantir o libre uso das linguas galega e castelán nas relacións entre profesorado e alumnado nos exames, textos e materiais.
- Creación dunha oficina de dereitos lingüísticos para tramitar queixas en relación co uso do galego e do castelán.
- Homoxeneización, a través un único Centro de formación, da obtención dos coñecementos de galego e expedición de títulos.
- Aplicación a empresas da exención fiscal prevista na Lei de normalización lingüística e no PXNLG.
PSdeG-PSOE
Fomento dos valores do plurilingüismo, promoción da diversidade lingüística e Consello Social da Lingua
-Apartado: “Política lingüística”, dentro de “A cultura: un dereito de todos e todas”.
-Localización: no medio do programa, entre universidade e sanidade.
-Páxinas: 1/2 de 225 (ademais dalgunha referencia xeral nalgúns apartados concretos). [0,2 %]
-Programa en galego.
-Análise xeral do programa:
- No escaso espazo dedicado á política lingüística, o programa do PSdeG-PSOE considera que “o galego é o noso patrimonio singular, como o español é un patrimonio compartido e ás institucións e aos cidadáns de Galicia, correspóndelles a responsabilidade de garantir e estimular o seu coñecemento e uso a través dun modelo de educación plurilingüe e aberto”.
- O programa do PSdeG-PSOE baséase no “fomento do multilingüismo” e nos “valores do plurilingüismo en Galicia, España e Europa”.
- Elaboración dun Plan estratéxico de política lingüística que delimite as prioridades de actuación.
- Creación dun Consello Social da Lingua Galega.
- Fomento dos valores do plurilingüismo e promoción da diversidade lingüística en España e Europa.
EU-IU
Ensino comprometido coa lingua galega
-Apartado: non hai un apartado específico de política lingüística, tan só algunhas referencias xerais nos apartados de educación e cultura.
-Localización: –
-Páxinas: 0 de 160. [0%]
-Idioma: galego.
-Algunhas das propostas máis salientábeis:
- A única proposta relacionada coa lingua que se fai en todo o programa é: ensino comprometido coa lingua galega, respectando de forma firme o decreto de normalización lingüística.
FPG
Monolingüismo social, inmersión lingüística no ensino e introdución do galego en todos os ámbitos
-Apartado: “Política lingüística”.
-Localización: é o último apartado do programa, despois de política cultural e educativa.
-Páxinas: 2 de 30. [6,7%]
-Idioma: galego.
-Algunhas das propostas máis salientábeis:
- Plan integral de inmersión lingüística en todos os niveis do ensino obrigatorio.
- Introdución do galego en todos os ámbitos.
- Retirada de apoio a publicacións non escritas en galego maioritariamente e mais a propostas alleas á normalización.
NÓS UP
Plena hexemonía do galego, retirada da condición de oficial ao español e unidade lingüística galego-luso-brasileira
-Apartado: “Direitos nacionais e lingüísticos”.
-Localización: no medio do programa, entre dereitos democráticos e dereitos laborais.
-Páxinas: 1/8 de 1. [12,5%]
-Idioma: galego (norma reintegracionista)
-Algunhas das propostas máis salientábeis:
- Oficialidade única do galego e progresiva retirada da condición de oficial ao español.
- Recoñecemento oficial da unidade lingüística galego-luso-brasileira.
Tega
Bilingüismo de verdade, deber de coñecer os dous idiomas e cumprimento da Lei de normalización lingüística
-Apartado: “Língua”, dentro de “Rexeneración social”.
-Localización: penúltimo apartado do programa, antes de medio ambiente.
-Páxinas: 1 de 59. [1,7%]
-Idioma: galego.
-Algunhas das propostas máis salientábeis:
- Dereito de usar e deber de coñecer as dúas linguas oficiais por parte de toda a cidadanía.
- Cumprimento da Lei de normalización lingüística.
UPyD
En contra da promoción do galego, derrogación de todas as normas que a apoian, división do alumnado segundo a lingua e introdución do castelán en toda a administración e na RTVG
-Apartado: “La lengua: un problema artificial”, dentro de “Unión”.
-Localización: primeiro apartado do programa, despois da presentación.
-Páxinas: 4 de 62 (ademais de moitas outras referencias en case todos os apartados do programa). [6,5%]
-Idioma: só en castelán.
-Algunhas das propostas máis salientábeis:
- Derrogación do decreto de fomento de uso do galego no ensino, da Lei de normalización, dos artigos lingüísticos da Lei de función pública, etc.
- Disolución dos equipos de normalización e dinamización lingüística.
- Eliminación da necesidade de coñecemento de galego para traballar na administración.
- Introdución do castelán na RTVG e en todas as institucións.
Consulta tamén a análise da acción de política lingüística desde o goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura