Os Premios Lois Peña Novo creáronse para recoñecer as actividades dos/as traballadores/as públicos/as que sobranceen polo seu labor a prol da consolidación da lingua galega nos usos xurídicos e administrativos fomentando a galeguización da función pública. Este ano o xurado concedéullelos a dous funcionarios relevantes e a unha obra xurídica.
A Luís Villares Naveira, maxistrado do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo. Autor de numerosísimas publicacións de carácter xurídico de impecable rigor científico; algunhas delas referidas á oficialidade lingüística. Pero amais deste labor, o xurado recoñécelle a este maxistrado a constancia na galeguización da actividade xudicial en todos os órganos xurisdicionais dos que foi e é titular actualmente.
Ao policía local do Concello de Redondela e historiador, Gonzalo Amoedo López. Salienta o xurado o seu amplo traballo de investigación rigorosa e a implicación na recuperación histórica e todos os seus acontecemento.
Ao Dicionario Xurídico Galego, coordinado por Manuel González González e os maxistrados Luciano Varela Castro e Xoán Xosé Barreiro Prado. No dicionario concítanse o rigor empregado na súa elaboración, e a aposta pola normalización lingüística nos ámbitos xurídicos e xudiciais.
O acto público de entrega dos premios terá lugar o 27 de xuño, ás 20.00 h, no Castelo de Soutomaior.
O Dicionario Xurídico Galego, Luís Villares e Gonzalo Amoedo, premios Lois Peña Novo 2012
O maxistrado Luís Villares Naveira, o policía Gonzalo Amoedo e o Dicionario Xurídico Galego son recoñecidos co premio Lois Peña Novo pola súa contribución ao proceso de normalización da lingua galega