O desmantelamento do galego por parte da Xunta non cesa nos orzamentos

A Xunta reduce en máis do 70% os recursos dedicados ao noso maior patrimonio común

O goberno de Feijóo dedicaralle á lingua en 2014 menos dun terzo do que lle dedicaba o goberno de Fraga hai 20 anos, en 1993, tamén en época de recesión. Se a Xunta non modifica e incrementa notablemente estes orzamentos, non pode dicir que non ten nada en contra da lingua

O goberno deixa os recursos para o galego polo chan, e a crise non pode ser unha vez máis unha desculpa. En recesión económica tamén se estaba en 1993, hai 20 anos e, daquela, os orzamentos para a lingua eran, en termos absolutos, máis de tres veces superiores, e máis de sete veces superiores en termos relativos. Mentres o goberno presidido por Fraga lle dedicaba ao galego o 0,43% do orzamento da Xunta (17,2 millóns), Feijóo dedícalle 20 anos despois unha sétima parte, isto é, o 0,06% (5,4 millóns). Máis ou menos a metade dunha décima; menos da oitava parte de medio punto; a dezaseteava parte do 1%. Isto é o que para o goberno parece valer o galego.

Con esta proposta de contas, que desde a CTNL consideramos insultantes e demoledoras, a Xunta non pode dicir que non ten nada en contra da lingua, en contra do noso maior ben común. Por iso pedimos que este proxecto de orzamentos sexa modificado durante o trámite parlamentario, para que non se desmantele o xa precario traballo a prol do principal elemento que nos une como galegos e galegas, do noso maior elemento cohesionador, a nosa lingua propia.

E é que estas contas, de non seren modificadas e notablemente aumentadas, suporán a anulación de proxectos, a redución de servizos á cidadanía, a paralización de actividades, a destrución de emprego, a redución da formación cidadá, etc. Significarán menos cultura, menos libros, menos formación, menos audiovisual, menos creatividade. Menos ilusión. Menos existir. Menos país.

Resumo comparativo dos orzamentos da Xunta para Política Lingüística nos últimos anos (ata 2014) [.pdf]>

Os concellos, a formación, a edición ou os centros de ensino sofren recortes que van do 60% ao 90%

Practicamente todas as accións sofren brutais recortes, que nalgúns casos acadan o -40% con respecto aos xa raquíticos orzamentos de 2013 e o -95% con respecto aos de 2005 (elaborados tamén por un goberno do PP). Así, por exemplo, con respecto a 2013 redúcense notablemente partidas como as destinadas ao apoio á edición en galego (-40%), a accións formativas (-21%) –coa que se financian os cursos e exames de galego Celga, necesarios para o acceso laboral–, a campañas de normalización (-17%), a actividades desde os concellos (-25%), etc. E estas caídas son tremendamente brutais se se comparan co ano 2005: -87% en apoio á edición; -62% en accións formativas; -71% en campañas de normalización; -60% na partida dos concellos ou -95% para o apoio de entidades sen fin de lucro.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio