REFLEXIÓN E ANÁLISE
Henrique Monteagudo salientou a necesidade de “análises certeiras e fondas reflexións” sobre a situación e os problemas do idioma galego e indicou que no seminario “teranse en conta o marco estatal español e o ámbito luso-brasileiro”. Relatores de moi diversas especializacións e procedencias reflexionarán e debaterán neste foro. Para a primeira sesión foron convocados Albert Branchadell, Fermín Bouza, Antón Losada e Mauro Fernández Rodríguez. Na segunda contarase con Ángel López García-Molins, Peter A. Kraus, Josu Mezo, Alba Nogueira e Bieito Silva.
CARTA EUROPEA
As Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias (CELRM) [.pdf], referente obrigado das políticas lingüísticas no estado español, celebraranse os días 22 e 23 do próximo mes de febreiro. Contarán con relatores como Eduardo Ruiz Vieytez, J. M. Pérez Fernández, Gwyn Parry, Robert Dunbar, Anna Pla, Jaume Vernet, Angels Orriols, Elizabeth Craig, Íñigo Urrutia, Eva Pons, Iñaki Lasagabaster, Santiago Castellá e Antoni Milian. “Trátase de analizar o papel da Carta europea no noso contorno en sectores como o ensino, a xustiza, a comunicación, a cultura, as actividades socioeconómicas ou os intercambios transfronteirizos”, indicou Alba Nogueira, coordinadora das Xornadas.
O CONSELLO E A LINGUA
Ramón Villares afirmou en resposta á pregunta dunha xornalista que, como membro da Real Academia Galega, compartía e asumía as palabras pronunciadas recentemente polo seu presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, en relación coa situación e o futuro do galego. Polo que respecta ao Consello da Cultura Galega indicou que está a preparar un informe sobre a lingua, onde se recolle a doutrina forxada pola institución ao longo dos anos e plasmada en distintos traballos e estudos, que se publicará sen demora.
- Máis información sobre o seminario sobre “Lingua, sociedade e política en Galicia” e programa das dúas primeiras sesións
- Máis información e programa das Xornadas sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias
Fonte: web do CCG