En Vigo en galego

O Concello de Vigo convoca a provisión definitiva da xefatura de normalización lingüística

O Concello de Vigo publicou a convocatoria no BOP de Pontevedra do 3 de xullo de 2026. A provisión será mediante o sistema de concurso específico.

O Concello de Vigo publicou no BOP do 3 de xullo de 2026 a convocatoria pública para a provisión definitiva do posto de traballo de xefatura do Servizo de Normalización Lingüística.

Características da praza

O posto de traballo convocado está recollido na relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Vigo, publicada no BOP de Pontevedra núm. 237, do xoves 11 de decembro do 2025, coas seguintes características:

  • Denominación do posto: xefe/a de normalización lingüística
  • Servizo a que se adscribe: Servizo de Normalización Lingüística
  • Referencia do posto (Ref. posto) na RPT: 2250101
  • Escala: administración especial
  • Subescala: subescala técnica/subescala técnica superior-subescala técnica media
  • Grupo: A1
  • Complemento de destino: 26
  • Complemento específico anual: 25 046,00 €
  • Sistema de provisión: concurso especifico
  • Formación específica: segundo RPT (Celga 5 e grao en estudos de galego e español, lingua e literatura galegas, galego-portugués ou licenciaturas equivalentes a calquera outro grao de licenciatura da área de coñecemento e humanidades ou ciencias sociais e xurídicas segundo o espazo MECES)
  • Funcións: as establecidas nas guías de funcións para o posto de xefatura de unidade publicada no Portal de Transparencia do Concello de Vigo.

Requisitos das persoas aspirantes

As persoas solicitantes deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos como persoal funcionario de carreira pertencente a calquera das administracións públicas a no grupo A, subgrupo A1 de titulación, da escala de administración especial.

Solicitudes e prazo

As persoas aspirantes deberán presentar a solicitude na sede electrónica do Concello de Vigo, durante un prazo de 15 días hábiles desde o día seguinte a publicarse o anuncio da convocatoria no BOE.

Documentación necesaria

Coas solicitudes deberán achegarse, ademais das certificacións e documentos xustificativos dos requisitos esixidos na convocatoria, os seguintes documentos:

  • Certificación acreditativa da condición de funcionario/a de carreira, con indicación da praza, grupo de clasificación e posto de traballo que ocupa, así como dos servizos, departamentos ou áreas funcionais en que desenvolve o seu traballo, especificando o correspondente período.
  • Declaración xurada ou promesa de posuír a capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas propias do posto de traballo obxecto da convocatoria.
  • Documentación acreditativa dos méritos alegados polas persoas aspirantes, salvo que consten no seu expediente persoal existente no arquivo da Área de Recursos Humanos e Formación do Concello. En caso de non constar no citado expediente, deberán ser achegados coa instancia para que poidan ser valorados. Non se terán en conta os documentos que non queden debidamente acreditados na data de finalización do prazo de presentación de instancias.
  • Memoria requirida no apartado cuarto (segunda fase).

Baremo para a puntuación de méritos

O concurso específico consta de dúas fases. Na primeira valoraranse os méritos xerais e específicos adecuados ás características do posto convocado e na segunda a memoria presentada. Os méritos valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de instancias.

Primeira fase

A puntuación máxima da primeira fase (méritos xerais e específicos) será de 40 puntos, sendo necesario acadar unha puntuación mínima de 20 puntos para acceder á segunda fase.

Méritos xerais: a valoración máxima dos méritos xerais será de 20 puntos.

  1. Grao persoal consolidado (ata un máximo de 4 puntos)
  2. Antigüidade (ata un máximo de 2 puntos)
  3. Exercicio de dereitos de conciliación por parte da persoa solicitante (ata un máximo de 1 punto)
  4. Valoración do traballo desenvolvido (ata un máximo de 3 puntos)
  5. Cursos de formación e perfeccionamento (ata un máximo de 5 puntos)
  6. Titulacións académicas (ata un máximo de 3 puntos)
  7. Nivel de coñecemento da lingua galega (ata un máximo de 2 puntos)

Méritos específicos: a valoración máxima dos méritos específicos será de 20 puntos.

  1. Experiencia profesional (ata un máximo de 8 puntos)
  2. Formación específica (ata máximo 12 puntos)

Segunda fase

A puntuación máxima da segunda fase será de 10 puntos).

Consistirá na elaboración e defensa dunha memoria que terá como obxecto unha análise das tarefas e funcións do posto de traballo, así como dos requisitos, condicións e medios necesarios para o seu desempeño, a xuízo da persoa candidata, tendo como base a descrición que consta na ficha descritiva do posto de traballo.

A memoria evidenciará o coñecemento do contido funcional do posto, as súas características, condicións, medios necesarios e propostas organizativas e desenvolverá as seguintes epígrafes:

  1. Análise das tarefas do posto, condicións e medios necesarios para o seu desenvolvemento
  2. Plan de organización do traballo
  3. Proxecto de mellora funcional
  4. Conclusións

A memoria terá unha extensión máxima de 50 páxinas e elaborarase dando cumprimento ás seguintes características técnicas: interliñado 1,5, letra Arial, tamaño 12 puntos, paxinación ao final de cada páxina e impresión a dúas caras.

As persoas candidatas deberán proceder á defensa e exposición da memoria ante a comisión de valoración, durante un tempo de 30 minutos.

No acto de defensa da memoria poderán facer uso dun guión previo que poderán levar elaborado á sesión (máximo 1 DIN-A4 polas dúas caras).

Puntuación total

Establecerase unha puntuación mínima total de 25 puntos para a adxudicación do posto de traballo.

Convocatoria publicada no BOP, en .pdf (BOP de Pontevedra do 3 de xullo de 2026)

Información sobre este proceso no web do Concello de Vigo

    Principal información

    1. Posto que se convoca: provisión definitiva da xefatura de normalización lingüística
    2. Características: funcionario A1, nivel 26
    3. Provisión: concurso específico
      • Primeira fase: méritos xerais e específicos
      • Segunda fase: memoria sobre as tarefas e funcións do posto
    4. Requisitos:
      • Ser funcionario/a de carreira con tres anos de antigüidade
      • Grao en lingua e literatura galegas ou titulación equivalente
      • Celga 5
    5. Prazo para presentar solicitudes: 15 días hábiles logo da publicación da convocatoria no BOE.

    Información máis detallada

    1. Convocatoria publicada no BOP, en .pdf (BOP de Pontevedra do 3 de xullo de 2026)
    2. Información sobre este proceso no web do Concello de Vigo
    En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

    Asociate na CTNL

    A CTNL no Youtube

    A CTNL no Youtube

    Queremos galego!

    kit para a normalización en rede

    Kit para a normalización en rede

    Scroll ao inicio