O prazo de presentación de traballos ao V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009 remata o venres 8 de maio. Os artigos pódense presentar no Pazo da Cultura carballés (até as 14.00 h) ou en calquera oficina de Correos (até a hora de peche da correspondente oficina). No caso dos artigos enviados por correo, tense en conta a data do selo de entrega en Correos, e non a data de recepción dos artigos.
O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración con dez medios de comunicación escrita, convocou por quinto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso do galego na prensa escrita.
Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con accións de impulso ao uso social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc. Os artigos deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 400 e 550 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de maio.
Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros, ademais da publicación nos dez medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.
Nas catro edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa e Xesús Fraga.
As bases completas poden descargarse aquí [.pdf. 1,16 MB]
O Concello de Carballo promove a reflexión social sobre a situación da lingua galega coa quinta edición do seu premio a artigos xornalísticos
Outorgarase un premio de 1.200 euros e a publicación do artigo gañador. Co premio colaboran 10 medios de comunicación escrita, que publicarán o artigo gañador. O prazo de admisión de artigos remata o 8 de maio.