O Concello de Ames, a través da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), convoca unha bolsa Feuga para colaborar durante un ano, a xornada completa, no Servizo de Normalización Lingüística municipal.
Duración da bolsa e funcións
O período da bolsa comprenderá do 10 de novembro de 2025 ao 9 de novembro de 2026.
A persoa seleccionada aprenderá a executar programas e actividades de dinamización lingüística, a prestar asesoramento lingüístico e sociolingüístico a departamentos municipais e outros colectivos, a desenvolver formación e a coordinarse con outros departamentos, centros educativos e servizos de normalización, ademais de coñecer a organización e o funcionamento básico dun concello.
Candidaturas e prazo de inscrición
Poden ser candidatas todas as persoas graduadas en Lingua e Literatura Galega que cumpran ps seguintes requisitos:
- Que non transcorresen máis de tres anos desde que estiveron vinculadas coa Universidade (nun grao ou nun máster)
- Que non estivesen traballando cun contrato onde lles requirisen estar en posesión do grao en Lingua e Literatura.
O prazo de inscrición estará aberto até o mércores 22 de outubro de 2025 ás 14.00 h. As solicitudes deben presentarse a través da páxina da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA):
Selección
As persoas inscritas participarán nun proceso de selección que consistirá na valoración do currículo presentado (40%), un suposto práctico a partir dunhas premisas previamente indicadas vinculado coas tarefas propias dun servizo de normalización lingüística (50%) e unha entrevista sobre Ames e a dispoñibilidade das persoas candidatas (10%).
O Concello de Ames e FEUGA levan varios anos convocando esta bolsa, que supón unha oportunidade para que novos/as titulados/as se poidan iniciar no traballo como técnico/a de normalización lingüística, pois permite coñecer de primeira man o funcionamento dun SNL e familiarizarase co labor técnico de promoción da lingua desde unha administración local.
Principal información
- Convocatoria: Bolsa no SNL do Concello de Ames
- Duración da bolsa: un ano a xornada completa
- Prazo de inscrición: até o 22 de outubro ás 14:00 h
- Requisitos:
- graduado/a en Lingua e Literatura Galega
- non máis de tres anos desde o vínculo coa universidade
- sen experiencia de traballo en prazas onde se pide a titulación
- Inscricións na páxina de FEUGA.
- Convocan: Concello de Ames e FEUGA
- Información no web do Concello de Ames




