Concello da Baña

Convocatoria dunha bolsa de emprego de técnico/a de normalización lingüística para os concellos da Baña e Negreira

A convocatoria publicouse no BOP da Coruña do 13 de abril de 2026. Prazo para presentar solicitudes: 15 días hábiles.

O Concello da Baña publicou no BOP do 13 de abril de 2026 a convocatoria dun proceso selectivo para crear unha bolsa de contratación de técnico/a de normalización lingüística, que realizará as súas funcións nos concellos da Baña e Negreira.

Características da praza

Trátase de crear unha lista para a contratación dun/dunha técnico/a de normalización lingüística como persoal laboral temporal do grupo I para realizar funcións nos concellos da Baña e Negreira, ao abeiro das axudas para o mantemento, a creación e o reforzo de SNL da Deputación da Coruña.

A bolsa de emprego que se constitúa ao abeiro desta convocatoria terá vixencia ata o 31 de decembro de 2026, data ata a que se prevé a cobertura financeira da contratación mediante a subvención concedida pola Deputación da Coruña.

Requisitos de titulación

Grao en lingua galega, licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (subsección galego-portugués).

Procedemento de selección

O sistema de selección será o concurso-oposición. A oposición, que terá unha puntuación máxima de 60 puntos, constará de dous exercicios:

  • Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 60 preguntas tipo test e cinco máis de reserva, con catro respostas alternativas, relacionadas co contido do temario do anexo I das bases. A cualificación máxima deste exercicio é de 45 puntos e será necesario acadar 22,5 puntos para superalo. O tempo máximo para realizar este exercicio son 60 minutos.
  • Segundo exercicio: contestar, de forma concisa e breve e durante o tempo máximo dunha hora, un caso práctico en relación coas materias contidas no temario que figura no anexo I das bases. O exercicio será cualificado cun máximo de 15 puntos.

A fase de concurso será previa á de oposición e terá un valor máximo de 40 puntos. Nel valoraranse os seguintes aspectos:

  • Formación: valorarase cun máximo de 15 puntos.
  • Experiencia laboral: valorarase cun máximo de 25 puntos.

Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes de participación seguirán o modelo que figura no anexo II das bases e deberán dirixirse á Alcaldía do Concello da Baña.

O prazo para presentar solicitudes é de 15 días hábiles desde o seguinte á publicación da convocatoria no BOP da Coruña.

Principal información

  1. Obxecto da convocatoria: creación dunha bolsa de emprego de TNL
  2. Características: persoal laboral temporal do grupo I
  3. Provisión: concurso-oposición
  4. Titulación requirida: Grao en lingua galega, licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (subsección galego-portugués)
  5. Prazo para presentar solicitudes: 15 días hábiles logo da publicación da convocatoria no BOP do 13 de abril de 2026.

Información máis detallada

  1. Convocatoria publicada no BOP, en .pdf (BOP da Coruña do 13 de abril de 2026)

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio