Para dar cumprimento aos fins da CTNL, e tal e como se recolle nos seus estatutos, unha das accións é promover e elaborar todo tipo de publicacións, sexa cal for o seu formato, para difundir informacións que puideren ser de interese para o colectivo de técnicos e técnicas de normalización lingüística. Este é o caso do boletín de novas que botou a andar en papel canda o nacemento da asociación (outubro de 1996) para axiña se acabar adaptando ao mundo dixital e que hoxe é un boletín electrónico que esta mesma semana chegou ao seu número 500 (nesta ligazón están dispoñibles os 18 números en formato PDF).
Cincocentos números debullando a historia e evolución da Coordinadora (asembleas, comunicados, actividades de formación, publicacións, difusión de recursos etc.) e indirectamente do proceso de normalización lingüística das tres últimas décadas; cincocentos números que serven de mostra do incesante traballo das persoas á fronte da CTNL.
O boletín, que nunha consulta recente aos socios/as se revelou como a canle preferida para recibir informacións, é unha das vías abertas que temos abertas na CTNL para alén da presenza en distintas redes sociais: Facebook, Twitter, Bluesky e Instagram.
Seguiremos, pois, informando. Seguiremos #traballandoenlingua!







