Esta nova circusntancia vén cumprir o Plan xeral de normalización da lingua galega pois nel marcábase como medida específica para a normalización do comercio crear “unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios”. Cómpre lembrar, pois, que o texto do PXNLG foi aprobado por unanimidade dos membros do parlamento e de todas as forzas políticas en 2004.
Para cumprir con este precepto, o anteproxecto de Lei do comercio interior de Galiza inclúe un artigo cuxa redacción é a seguinte:
Artigo 8. Dereitos lingüísticos das persoas consumidoras
1. O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras. Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada.
2. A sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos para as persoas consumidoras dos establecementos abertos ao público deben ser redactados,
ao menos, en galego. Esta norma non se aplica ás marcas, aos nomes comerciais e aos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.
3. Os poderes públicos galegos garantirán o exercicio dos dereitos establecidos nos parágrafos anteriores e para tal fin, prestarán todo o asesoramento que, no seu caso, for preciso.