O amor, a Candeloria, San Valentín…, e a lingua

O 2 de febreiro, día da Candeloria, é o día no que casan os paxariños, polo tanto, o día do amor. E o 14 de febreiro está considerado tamén o día dos/as namorados/as. E así, entre unha data e outra, hai diversas iniciativas coas que se procura promocionar o galego no amor e nas relacións de parella

Cartas de amor en Fene, Rianxo e moitos outros institutos

Radiofusión e o Concello de Fene convocaron a XII Edición do Certame de cartas de amor en galego. A convocatoria, como todos os anos, fíxose o 2 de febreiro, día da Candeloria, e a carta gañadora coñecerase o 14, Día dos/as namorados/as. O premio, unha cea para dúas persoas.

Tamén no IES Félix Muriel de Rianxo, entre moitos outros centros de ensino, convocan concursos de cartas de amor entre o alumnado (e tamén profesorado ;-).

O amor tamén se pode declarar por SMS

O alumnado de secundaria do CPI San Vicente da Baña, con motivo do día dos namorados, está creando SMS amorosos para participar na actividade Declárate cun SMS amoroso, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Baña. Será o mesmo alumnado o que seleccionará os tres mellores. Os/as que resulten agraciados/as recibirán cadanseu bolígrafo para que non deixen de declararse durante o resto do ano.

Tamén no CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, fan un concurso de SMS de amor… E seguro que noutros moitos centros!

Bicada polo galego, en Compostela

A Mesa fai un chamamento a manifestar o amor polo galego o Día dos Namorados, e faino convocando unha bicada lúdico-reivindicativa na defensa do noso idioma o luns 14 de febreiro ás 17.00 h na Praza do Toural de Santiago de Compostela.

Declárate con libros

A través das bibliotecas escolares, en moitas ocasións coa colaboración dos ENDL, desenvólvense tamén unha chea de actividades… Compilamos aquí algunhas:

-CPI O Progreso (Catoira): O amor en 10 palabras

-IES Rafael Dieste (A Coruña): O corazón partido (selección poética e xogo de busca)

-IES O Mosteirón (Sada): Certame Amor? Amor!… en 100 palabras

-CEIP Andrade (Pontedeume): Lecturas con corazón

-CPI San Vicente (A Baña): Declaracións de amor con humorI mostra de debuxo: E ti, a quen queres máis?

-IES de Fene (Fene): LECTURAS CON AMOR

-IES de Poio (Poio): selección poética, MIL E UN POEMAS DE AMOR

-IES Poeta Añón (Outes): Cada ovella coa súa parella (amor e cómic)

Outras iniciativas

Ademais destas, desenvólvense de maneira puntual outras accións que relacionan amor e lingua. Por exemplo, os SNL dos concellos de Zas e Carballo, en colaboración coa Mesa, distribúen entre todo o alumnado de secundaria e bacharelato adhesivos co lema “Goza coa túa lingua. Fala galego”.

Tanto que din que o meu amor

quere algún día ser esa flor

o meu segredo hei de coidar

para te saber a ti namorar


E a Coordinadora de Equipos de Normalización do Barbanza deseñou un cartel e adhesivos para celebrar o día da Candeloria, con eses versos de Faltriqueira.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio