O ámbito do ensino únese en defensa do galego na escola e contra a enquisa da Consellería de Educación

Todos os sindicatos do ensino, movementos de renovación pedagóxica, coordinadoras comarcais e nacionais de equipos de normalización e dinamización lingüística, asociacións de estudantes e de defensa da lingua e directivos/as de IES, posiciónanse de xeito unitario en contra da consulta sobre o galego no ensino deseñada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e en defensa dun mínimo do 50% de materias en galego.

Este é o posicionamento común acordado:

As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego”.


ASINAN

CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística

Noutros medios:

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio