Con intervencións dun máximo de 15 minutos, os/as convidados/as desta edición falarannos de temas tan variados coma a economía social, as tendencias, a educación e a crianza, a dobraxe, a autoconciencia e a conciencia colectiva, a necesidade do uso da lingua, o humor, as síndromes que nos caracterizan… Diferentes aspectos que nos axudarán a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado. Haberá tamén música en directo e humor. Un formato diferente para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas.
Cando? Onde?
Terá lugar o xoves 9 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para o evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede aquí, e fisicamente na Tenda A Reixa, situada no número 46 da compostelá rúa do Hórreo. O día do evento custarán 10 € na billeteira).
Quen intervén este ano?
En LGx15 intervirán Alonso Caxade (músico, mestre e pai, que nos falará sobre crianza e docencia), Cecilia Fernández (editora xefa da revista Coolt, quen trae o tema das tendencias ao LGx15), Iria Veiga (médica psiquiatra, que nos vai presentar a síndrome do Noroeste), José Antonio Rubal (especialista en dobraxe e en “ondas vitais” para o galego), Nuria Espasandín (estudante e youtubeira, que ten claro que o galego non é unha peza de museo), Patricia Buxán e Miguel Braña (tradutores e socios de Catro Ventos Editora, que nos van descubrir a importancia da lingua na economía social), Pedro Brandariz (humorista que sabe que se poden conseguir moitos avances facendo o humor), e Alba García, Fátima Fathallah, Brais García e Jonathan Blanco (estudantes do Club de Debate do IES Xulián Magariños de Negreira, que nos traerán as ideas para o futuro da lingua dos máis novos).
A música virá da man de MJ Pérez. E conducirá o acto o actor e divulgador científico Vicente Mohedano.
A primeira edición do LGx15 tivo lugar en novembro do ano 2015, e nela participaran Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi e Xosé Lois Vilar, ademais das actuacións de AldaoLado, Alba María e Xenderal. A segunda edición foi en novembro do ano pasado e contou coas intervencións de Alberte Lamazares, Belén Regueira, Elena Ferro, Diana Fernández e David Díaz (Bolboretas no bandullo), Marcus Fernández, María Yáñez, Mark Wiersma e Rosalía Fernández Rial, coa actuación musical dos Poetarras e a presentación dos regueifeiros Josinho da Teixeira e Luís O Caruncho.
Os vídeos desas diversas charlas poden verse en Youtube (2015 e 2016), pois unha parte fundamental deste proxecto é tamén a difusión desas ideas a través da rede.
LGx15 é, polo tanto, un cóctel en forma de evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
Máis información no web de LGx15 e no perfil de Facebook do evento.
O 9 de novembro: nova edición do LGx15!
O vindeiro 9 de novembro haberá unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua. Teremos outra vez oito presentacións que nos transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Haberá ademais humor e música, é dicir, consistirá nun evento festivo e divertido para reflexionarmos sobre o futuro da lingua. Será ás 18 h na Sala Capitol de Compostela.