A CTNL convoca as súas socias e socios á Asemblea Xeral ordinaria de 2026, que terá lugar o sábado 7 de marzo, a partir das 10:00 da mañá no Espazo Apego de Compostela. Posteriormente celebrarase un xantar no restaurante O Dezaseis e pola tarde un paseo por Compostela guiado por Xosé Ramón López Boullón.
Asemblea anual da CTNL
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) reúnese en Asemblea Xeral ordinaria o sábado 7 de marzo, ás 10.00 h en primeira convocatoria e ás 10.30 h en segunda, no Espazo Apego de Santiago de Compostela.
- Día: sábado 7 de marzo de 2026
- Hora: primeira convocatoria, ás 10.00 h; segunda convocatoria,ás 10.30 h
- Lugar: Espazo Apego (rúa República do Salvador, 12, 15701 Santiago de Compostela)
Orde do día
- Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior
- Admisión de novas/os socias/os e ratificación de baixas
- Exposición, debate e aprobación do informe de xestión
- Exposición, debate e aprobación do informe de contas
- Elección da nova Xunta Directiva
- Exposición, debate e aprobación do plan de acción para o próximo exercicio
- Presentación e aprobación do orzamento para o vindeiro exercicio
- Rolda aberta de intervencións
Documentación para a asemblea
Para preparar mellor as achegas e propostas para debater na asemblea e así facermos entre todas e todos una asemblea máis áxil, dinámica, participativa e produtiva, unha semana antes poderedes consultar no web a documentación necesaria.
Antes diso, e tamén antes da asemblea, os/as socios/as podedes remitir ao enderezo info@ctnl.gal todas as ideas e propostas que teñades e que creades que a CTNL pode desenvolver, alén de presentardes propostas, suxestións e ideas na propia asemblea.
Elección da Xunta Directiva
Na Asemblea deste ano corresponde elixir unha nova Xunta Directiva. Segundo os estatutos da CTNL, a Xunta Directiva estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e seis vogais (art. 24) e os cargos da Xunta Directiva terán unha duración de dous anos (art. 25).
Deste xeito, poderedes presentar candidaturas á Xunta Directiva até 72 horas antes da Asemblea (até o mércores 4 de marzo, ás 10.00 h), para o que deberedes enviar a candidatura completa por correo electrónico a info@ctnl.gal; nela deberán figurar os nomes, apelidos e números de documentos de identidade dos/das socios/as que a compoñen, sempre contando co visto e prace desas persoas.
Descarga aquí a documentación para a asemblea
- Convocatoria da asemblea do 7 de marzo de 2026, en .pdf
- Acta da asemblea do 15 de marzo de 2025, en .pdf
- Informe-memoria de xestión 2025-2026, en .pdf
- Proposta de plan de acción para 2026-2027, en .pdf
- Candidatura presentada para a elección da Xunta Directiva de 2026-2028, en .pdf
Aviso: a documentación que estará dispoñible no web non se vai repartir impresa durante a Asemblea, para evitar un gasto de papel que adoita ser innecesario. Os/As socios/as que a necesiten para seguir os debates deben levala o día 15 de marzo en formato dixital ou impreso.
Información sobre o paseo posterior ao xantar
- Ao finalizarmos o xantar teremos un paseo de aprox. unha hora por Compostela guiado por Xosé Ramón López Boullón.
Xantar de confraternización lingüística
O mesmo día da Asemblea da CTNL teremos no restaurante O Dezaseis un xantar aberto de confraternidade lingüística, no cal pode participar calquera persoa interesada en compartir connosco unhas horas de conversa e boa comida.
• Lugar: casa de xantar O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16, Compostela)
• Hora: 14.30 h
• Prezo: 33 euros
• Menú:
Entrantes:
- Lacón á feira con queixo Galmeán
- Ensalada con ventrecha de bonito
- Revolto de cogomelos e gulas
Segundo prato a escoller entre:
- Raia á galega
- Segredo de porco á grella con redución de viño Mencía
Sobremesa variada da casa
D.O. Ribeiro/D.O. Ribeira Sacra (dúas copas de viño por persoa)
Auga e café
Confirmación: agradecemos a confirmación de asistencia ao xantar e a indicación da escolla do segundo prato o máis axiña posible e, en todo caso, até o 2 de marzo, no enderezo info@ctnl.gal ou no teléfono 629571950.
Paseo guiado por Compostela
A partir das 16.30 da tarde remataremos a xornada da asemblea cun paseo por Compostela guiado por Xosé Ramón López Boullón.
Duración aproximada: 1 hora
Para participar nesta actividade non é necesaria inscrición.




