Unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 25 de outubro ás 18.30 h. Teremos intervencións dun máximo de 15 minutos para transmitir de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos co fin de influír positivamente sobre o futuro do idioma.
As persoas convidadas a participar na décimo primeira edición falarannos de lingua e mudanzas na vida, de intervencións no ámbito educativo, da atención médica, de identidade e traballo, de autoestima… As diferentes perspectivas e propostas axudarannos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos para intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma.
Quen vai participar?
O programa desta nova edición do LGx15 é o seguinte:
- Carlos Callón, docente, escritor e investigador, proponnos que Sempre hai unha primeira vez e que cada novo inicio abre camiños para transitar cara ao galego.
- A estudante María Maroño tráenos unha aventura, a de Unha galegofalante nas aulas de Compostela.
- O médico rioxano Miguel López del Pueyo quizais nos faga escoller entre Un bo médico ou un médico galegofalante?
- Mariña Lema, docente de educación primaria, trae un tratamento eficaz para o déficit lingüístico: Vitamina G, activa a túa lingua!
- Artur Trillo, actor, autor e director teatral, recolle en Vernáculo a importancia de denominármonos na nosa lingua.
- A comunicadora e cantante Fátima Pego cóntanos a súa experiencia coa lingua galega como ferramenta de traballo e signo de identidade en ComuniCanto en galego.
Conducirá o evento a poeta Silvia Penas, quen tamén actuará xunto con Jesús Andrés Tejada coa proposta de poesía escénica Cintaadhesiva.
Cando e onde vai ser?
A edición deste ano do LGx15 terá lugar o sábado 25 de outubro, ás 18.30 h, no Teatro Principal de Compostela.
Como consigo as entradas?
As entradas terán un prezo de 6 euros na venda anticipada (na billeteira electrónica de Eventbrite) e de 10 euros na billeteira o propio día do evento.
Novo web
No novo web do proxecto, que inclúe un buscador para localizar de forma sinxela os vídeos dispoñibles, pódense consultar os 62 vídeos das intervencións das dez edicións anteriores, alén de vídeos das actuacións musicais. O LGX15 grávase e difúndese en vídeos breves a través da rede, pois o principal obxectivo deste proxecto é que as ideas, propostas e experiencias cheguen ao maior número de persoas posible. Tamén se pode acceder ao material audiovisual a través da canle de YouTube da CTNL.
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, o Concello de Santiago de Compostela, Deleite e a Fundación Galicia Sustentable, pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
Máis información no web do LGx15, no perfil de Facebook do evento e nas nosas contas de X, Bluesky e Instagram.
Principal información
- Data e hora: sábado 25 de outubro ás 18:30 h
- Lugar: Teatro Principal de Santiago de Compostela
- Entradas: 6 euros en Eventbrite e 10 euros na billeteira
- Participantes: Carlos Callón, María Maroño, Miguel López del Pueyo, Mariña Lema, Artur Trillo, Fátima Pego e Cintaadhesiva
- Entidades colaboradoras: Secretaría Xeral da Lingua, Concello de Santiago de Compostela, Deleite e Fundación Galicia Sustentable




