O 17 de maio, da Alameda de Compostela ao Obradoiro, diremos que o galego é o noso existir

A plataforma Queremos Galego, integrada por máis de 700 entidades, convoca unha manifestación nacional a prol da lingua galega, que terá lugar o luns 17 de maio e que partirá ás 12.00 h da Alameda de Santiago de Compostela. Co lema "O galego, o noso exitir", a marcha rematará na praza do Obradoiro

DÍA: luns 17 de maio

HORA DE COMEZO: 12.00 h

LUGAR DE COMEZO: Alameda de Santiago de Compostela

LUGAR DE REMATE: Praza do Obradoiro

O galego, o noso exitir

O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empregamos no noso día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos.

Poucas dúbidas hai de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Lamentabelmente, desde hai un ano temos un presidente e un goberno da Xunta que parecen non decatarse de que se están aí é grazas a termos un idioma de noso. Incumpren de forma incívica o mandato estatutario de promover o galego e andan ás patadas con el. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo contra o galego que, por exemplo, varre a nosa lingua da educación infantil nas cidades e prohibe ao profesorado o seu uso nas materias do ámbito científico-técnico.

A sociedade galega está a responder mobilizándose contra a extinción da nosa lingua e reclamando ás institucións que cumpran coa súa obriga de promovela, para garantir a igualdade de coñecemento, a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades.

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e integrada por máis de 700 entidades de todo tipo, chama con ese obxectivo á mobilización social o vindeiro 17 de maio, o Día das Letras, nunha manifestación que partirá ás 12.00 h da Alameda de Santiago de Compostela e se fechará na praza do Obradoiro.

Ademais, Queremos Galego anima ao conxunto da cidadanía a que apoie coa súa sinatura unha proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos, sobre a que existe máis información aquí.

Gañar unhas eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir. Sen o galego, Galiza non ten futuro.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio