Nova Xunta Directiva da CTNL e aprobadas as liñas de acción para 2020
O pasado 7 de marzo tivo lugar en Santiago de Compostela a Asemblea Xeral ordinaria da CTNL. Nela aprobáronse as liñas de acción para este ano 2020 e elixiuse unha nova Xunta Directiva para o período 2020-2022.
O sábado pasado tivo lugar a Asemblea Xeral ordinaria da CTNL, a cita para dar conta do traballo realizado durante o ano pasado e para aprobar o que se intentará levar a cabo durante o actual.
Elección dunha nova Xunta Directiva
De acordo cos estatutos da CTNL, este ano correspondía elixir unha nova Xunta Directiva, que se fará cargo da xestión da CTNL durante dous anos. Foi elixida por unanimidade a única candidatura presentada, formada por: Anxos Sobriño Pérez (presidenta), Mónica Fernández Valencia (secretaria), David Cobas Medín (tesoureiro) e, como vogais, María Adela Pita Permuy, Xesús M. Mosquera Carregal, Paula Soto Viñas, Inmaculada Seage Freire, Arximiro Fernández Cabanelas e Marta Besada Otero.
Tras esta renovación, deixaron de formar parte da Xunta Directiva, despois de varios anos de dedicación, Silvia Muíño Naveira, Soco García Conde, Tono Formoso Lado e Estela Suárez Recouso. A Asemblea agradeceulles o seu magnífico traballo.
Liñas de acción para 2020
Como é habitual, na asemblea avaliouse tamén o traballo desenvolvido durante o último ano e aprobáronse as liñas de acción para 2020, que incluirán actividades coma o LGx15, a segunda edición dos Premios Mil Primaveras, Agasallo.eu, accións formativas, seguimento da política lingüística das institucións, difusión de accións para a mellora do uso e prestixio da lingua etc.
Liñas de acción para 2020, en .pdf