Normalizar dende un SNL

OPINIÓN: por Marta Souto

Ao me propoñer un artigo sobre o labor normalizador dende e nunha cidade, a través dun servizo de normalización lingüística (SNL), foi moito o que me veu a cabeza , ao cabo moito é o tempo neste servizo e abondas experiencias –positivas e negativas– que se van acumulando. Podería, mais axiña o rexeitei, falar sobre funcións, actividade, lexislación, orzamentos...

pero creo que a reflexión sobre o día a día, sobre o que podes facer, o que che deixan facer… sobre o como facer, con quen, e cara a quen é máis acaído.

Unha reflexión dende esta cidade viguesa que non se caracteriza polo uso do galego, pero tampouco por un rexeitamento á lingua propia nin ás actividades que dende o SNL ofertamos. Unha reflexión dende unha administración que no ano 1989 aproba a Ordenanza municipal de normalización lingüística, crea nese ano o SNL, posteriormente a Comisión Cidadá de Normalización Lingüística, no 2005 o Consello Social da Lingua e un ano despois o Plan de dinamización lingüística.

Cando empecei, comezaban tamén semellante andaina outras compañeiras e compañeiros esparexidos pola nosa xeografía. Vimos que cumpría comunicación e compartirmos o pouco ou moito que sabiamos e/ou tiñamos. E este xeito de actuar creo que é preciso para traballarmos. Non é fácil pois depende non de quen traballa senón de quen goberna, mais experiencias como Ciberlingua e actualmente o Club de debate no que participan dez concellos demostran que é posible e é rendible.

Crer no que se fai é fundamental para atraer, enganchar a posibles destinatarios e colaboradores e sobre todo ter presente que a poboación destinataria é tamén o motor da acción, que debe considerarse parte activa do proxecto e non punto de destino..

E ese crer debe ser asumido por quen ten a obriga de liderar o proxecto publicamente. Cando se definen como concelleiro/a Normalización Lingüística, pero porque así llo ordenaron e que ben podía ser de Parques e Xardíns, de Luces e Colorido… topamos coa principal traba e parálise. Abondan as palabras.

Crearmos foros para o debate, a comunicación, a participación… da sociedade é preciso, mais estes non poden ser un mero lugar de encontro e saúdos, ou como moito de render contas, senón oportunidade de sabermos das demandas, das suxestións e achegas, das posibilidades que temos… As reunións trimestrais cos equipos de dinamización dos centros de ensino son exemplo deste xeito de entendermos nós a participación activa e colaboración, mais tamén a planificación e avaliación pezas clave do quefacer no SNL. As súas avaliacións determinan por onde continuar e que modificar… e mesmo que recuperar, tal como pasou cos Obradoiros de regueifas e certame escolar de regueifas, (dirixido primeiramente a ESO, BAC e FP e estendido a 6º de Primaria) é unha das actuacións que, dende o ano 2003, maior enganche ten entre a mocidade. Vermos máis de cen rapaces e rapazas, no escenario, improvisando diante dos seus compañeiros é unha das moitas recompensas que, afortunadamente, tamén as hai.

Sumar forzas, aproveitar as oportunidades, procurar compañeiros/as nesta viaxe é básico para o noso obxectivo. E vai este exemplo. Recordo escoitar/dicir que envexa non termos un Barça, un Guardiola, un Pujol ou Xavi… pois eles fan máis polo idioma cás campañas institucionais. E agora témolo. Temos un Celta galego que fala galego, que puxo a lingua como referencia de noso. A súa colaboración en actividades do SNL, as palabras sentidas de xogadores manifestándose galegofalantes dirixidas ao alumnado que participou nas Bibliotecas Viventes, é un feito e unha ferramenta nada desprezable.

A colaboración individual e colectiva; anónima e con renome. A participación, a demanda, a crítica, os agradecementos, a ilusión, a vontade, o esforzo… a achega de compañeiros e compañeiras…

As caras de alegría nos rostros de crianzas, de persoas maiores cando recordan nomes de lugares, lendas, contos de outrora, de mozas e mozos rapeando e regueifando…

A incomprensión, ao escoitarmos “xa estades con esas chorradas”, “veña a impor”, “liberdade lingüística”… “fáleme en español, estamos en España”…A loita cotiá, a denuncia, os orzamentos…

Son cara e cruz, parte do tecido que imos elaborando e , que ás veces, fainos crer que somos “penélopes” pero que ao cabo sempre fai que sigamos tecendo.

Todas e todos somos potenciais normalizadores na nosa vida cotiá… só hai que querelo pór en marcha. Retiremos a rolla da botella, deixemos que se impregne o aire co noso arrecendo e motivemos o andazo necesario que require o noso país, a nosa lingua.

Vivamos como galegos en galego como xeito de sermos un pobo con dignidade e futuro.

Artigo publicado orixinalmente en Sermos Galiza o 27/1/2013

Marta Souto é técnica de normalización lingüística do Concello de Vigo e foi unha das fundadoras da CTNL
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio