No Barbanza, anticiclón en Telesalnés e borrasca en La Voz de Galicia

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza (CENDLB), formada por máis de 20 ENDL de centros de ensino desta comarca, concedéronlle o premio "Anticiclón" a Telesalnés por utilizar o galego con normalidade, e o premio "Borrasca" a La Voz de Galicia, que leva implícito a crítica e a petición de maiores usos.

Co obxectivo de favorecer a normalización da lingua galega, a coordinadora de ENDL do Barbanza creou os premios “Anticiclón”, de recoñecemento e apoio a entidades que destaquen polo emprego normal do uso do galego, e “Borrasca”, de crítica e petición de mellora a aquelas entidades non favorecedoras da normalización lingüística.

Deste xeito, nesta primeira edición, o premio “Anticiclón” foille concedido á emisora de televisión Telesalnés, por facer “un uso público da lingua galega con normalidade, como tamén o fan a maioría dos habitantes do Barbanza”. Pola contra, o premio “Borrasca” foille concedido a La Voz de Galicia, medio no que atopan eivas para o uso do galego, con un tratamento residual e anecdótico. Por esta razón, a CENDLB anima a este xornal a ampliar o espazo do galego nas súas páxinas e a, cando menos, non traducir a castelán as declaración dos/as galegofalantes.

Alarmante descenso da tranmisión da lingua no Barbanza

Ademais, Miguel Louzao e Tina Formoso, voceiros da CENDLB, presentaron os resultados dunha análise sociolingüística realizada nos centros de ensino de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Rianxo, no que se constata unha preocupante fenda na transmisión interxeracional da lingua, principalmente en Ribeira e na Pobra.

Segundo recolle Vieiros, “o estudo analizou tres variábeis: o hábitat (máis castelán canto máis urbano), a idade (máis castelán canto máis novos) e os prexuízos lingüísticos (que se dan, paradoxalmente, en familias galegofalantes en zonas como Palmeira).

A elas sumáronse preguntas para detectar a actitude cara á lingua, que deron uns resultados que poderían parecer superficialmente positivos. Así, o alumnado, nais e pais amósanse conformes con que a aprendizaxe de varias linguas enriquece e co feito de que se poidan dar matemáticas en galego, pero non ven tan ben a aprendizaxe bilingüe cando unha das linguas é o galego, nin están dispostos a recibir máis clases na lingua propia.

O informe cualifica os resultados de preocupantes polos prexuízos que se manifestan nos galegofalantes, que se ven estigmatizados pola súa lingua. Con todo, os/as castelanfalantes teñen unha consideración igual ou peor de cara á lingua. A conclusión dos equipos de normalización é que o único xeito de mudar os usos é actuar sobre a imaxe que a poboación ten do idioma.”
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio