Un ano máis, o Concello de Santiago de Compostela presentou unha campaña de promoción lingüística que aproveita a data de San Valentín (14 de febreiro) para fomentar relacións afectivas cara ao idioma. “Namórate da lingua” é o lema desta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO.
“Namórate da lingua” está dirixida a escolares duns 14 ou 15 anos, por seren estas idades moi vinculadas ao descubrimento das relacións afectivas. A campaña xa está sendo difundida nos centros de ensino do Concello, onde mozas e mozos atopan a imaxe co lema da campaña: “Tes unha cita a cegas. Ven e namórate da lingua”. O obxectivo é fomentar a creatividade e as relacións sociais da mocidade para incentivar un xogo de interese, descuberta e diversión coa lingua.
Enriba dos seus pupitres os alumnos e as alumnas atoparán unha das 4.000 carautas que se repartirán coas instrucións para participar na iniciativa. Terán que escribir na carauta un slogan que fomente as relacións afectivas cara á lingua galega, facerse fotografías coa carauta posta e subilas ao web www.namoratedalingua.com. A máscara debe cubrir completamente a cara e impedir a identificación das persoas que nela aparezan. Poderán subirse as fotos e lemas até o 19 de febreiro.
Tamén neste web, calquera pode votar as fotografías e slogans que máis lles gusten. Para os lemas máis orixinais e creativos haberá agasallos tales coma unha cámara de fotos, un vale para mercar libros, un MP4 ou entradas para concertos.
Información sobre a presentación da campaña, no web do Concello de Santiago de Compostela
www.namoratedalingua.com
Namórate da lingua!
As rapazas e os rapaces de 14 e 15 anos de Santiago de Compostela atoparán enriba dos seus pupitres un convite para unha cita a cegas, co lema "Ven e namórate da lingua!". Esta campaña de promoción do galego do Concello de Santiago aproveita a data do 14 de febreiro para promover a afectividades dos/as escolares coa lingua galega.