Na Facultade de Dereito da USC queren terlle lei á lingua

Esta semana comezou por sorpresa na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela unha campaña co obxectivo de incrementar a porcentaxe de docencia en galego. Para a difusión desta campaña utilizánse diversos materiais, así como un vídeo [no interior] no que participan diversas persoas de relevancia na Xustiza galega

30 de cada 100 horas de docencia en galego, este é o obxectivo da campaña no prazo de tres anos.

Se iso se consegue, a campaña Témoslle Lei conseguiría triplicar as actuais cifras de uso da lingua galega na docencia da Facultade de Dereito da USC, que o pasado curso se situaban no 11,88% das horas.

Témoslle lei é unha iniciativa que acaba de poñerse en marcha dirixida ao alumnado deste centro compostelán co obxecto de sensibilizalo a respecto da utilización da lingua galega no propio centro e no mundo profesional.





Dise da acción de gardar fidelidade, sentir simpatía ou terlle un grande aprezo, o lema elixido Témoslle Lei incide no feito de que o galego conta con lexislación que o protexe e fomenta ata lograr a igualdade real das dúas linguas cooficiais en todos os ámbitos e, asemade, na cuestión afectiva e identitaria cara a esta lingua.



Durante tres días, en quendas de mañá e tarde, alumnos de Dereito de diversas asociacións estudantís repartirán entre o estudantado do centro o material da campaña: unha bolsa co lema Témoslle Lei, dous folletos con argumentario e un cd-rom coa escolma, en galego, das leis máis importantes que se estudan durante a carreira, así como recursos lingüísticos dos que podan botar man á hora de utilizaren o galego na súa vida académica.



A posta en escena da campaña realizouse por sorpresa este luns na Facultade de Dereito, onde ademais do reparto de material, os universitarios tiñan á súa disposición un vídeo no que diversos profesionais do mundo do Dereito opinan sobre o uso da lingua neste ámbito. O fiscal xeral de Galiza, Carlos Varela; a maxistrada do Social en Santiago, Paz Filgueira; o xuíz Luís Villares; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; o secretario do Concello de Outes, Xaquín Monteagudo; e os profesores da Facultade de Dereito José Antonio Gómez Segade e Antonia Nieto Alonso participan neste vídeo e animan ao PDI e ao alumnado do centro a incorporar a lingua galega no seu quefacer profesional.

Témoslle Lei forma parte dun plan desta Facultade compostelá, aprobado en decembro de 2009, para aumentar e mellorar o uso do galego en Dereito en tres cursos académicos. Como complemento da campaña, existe unha páxina web e un perfil de Facebook aberto a todas as persoas interesadas en coñecer en detalle a iniciativa.
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Lingua vital xa!

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio