Móvete, un concurso de vídeos para celebrar os 50 anos do ILG

Neste 2021 o Instituto da Lingua Galega (ILG) conmemora o seu 50 aniversario. Para celebralo organiza o concurso de vídeo Móvete, destinado ao estudantado dos institutos galegos e das zonas de fala galega fóra de Galicia. O prazo de participación é do 1 de marzo ao 31 de maio de 2021.

O concurso Móvete créase cos obxectivos xerais de incentivar o uso do galego e dar a coñecer o ILG entre a xente nova.

PERSOAS DESTINATARIAS

O concurso Móvete está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato, un ciclo de FP básica ou de grao medio e permite participar en dúas modalidades: individual e en grupo. Neste último caso, deberá facerse baixo a dirección ou o asesoramento dun ou dunha docente, que será a persoa de contacto e responsable do proxecto.

COMO DEBEN SER OS VÍDEOS?

Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os 2 minutos de duración nin os 300 MB de tamaño. Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son tres:

– Móvete co galego

– Conmóvete co galego

– Promove o galego

PREMIOS

O xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema. Valorarase a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas.

O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistirá nun teléfono móbil iPhone. O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema consistirá nunha videocámara. Os restantes finalistas recibirán un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo).

É importante sinalar que os vídeos serán difundidos a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da súa canle de YouTube, de xeito que o vídeo que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso (1 punto por gústame/favorito, 2 puntos por comentario e 5 puntos por rechouchío/compartido) tamén recibirá un premio, unha tableta.

COMO INSCRIBIR OS VÍDEOS?

Na páxina do concurso figura un formulario para inscribir as pezas a concurso. Nel deberá incluírse, entre outras informacións, un título ou un texto en galego dun máximo de 150 caracteres que acompañará o vídeo cando este sexa difundido. Tamén se require unha imaxe para anunciar o vídeo, un avance do vídeo alén do vídeo completo e diversa información de contacto e relacionada cos centros educativos.

Unha mesma persoa ou grupo pode participar con varios vídeos nun mesmo tema e así mesmo pode participar nun, en varios ou en todos os temas propostos. Deberá cubrirse un formulario por cada un dos vídeos enviados.

PRAZO

O prazo de participación está aberto do 1 de marzo ao 31 de maio de 2021.

Colaboran no concurso Móvete a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis.

Máis información na páxina do concurso, onde están as bases e a corrección destas.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio