Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística

Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística

Autoras: Andrea Garrido Juncal e Carla Casanueva Muruais Páxinas: 94

Entre estas propostas, en xullo de 2006 a CTNL publicou un documento titulado Recomendacións e mínimos que deben cumprir as convocatorias de postos de traballo para os servizos lingüísticos das administracións públicas galegas, co propósito de dar unhas pautas xerais para a contratación de técnicos e técnicas de normalización lingüística. Este texto inclúe as principais funcións que se deben realizar nun servizo de normalización lingüística e recomendacións sobre as características das prazas, a contratación e os procesos selectivos. Algunhas das propostas incluídas neste documento están hoxe asumidas polas administracións públicas e forman parte dos requisitos das convocatorias de axudas para a creación, mantemento e reforzo de servizos de normalización lingüística.

Con esta nova publicación, o Manual de procesos selectivos paratécnicos/as denormalización lingüística, queremos fornecer as persoas aspirantes a prazas de técnicos/as de normalización lingüística dunha guía para coñecer o funcionamento dos procesos selectivos: os requisitos,  as  bases,  os  prazos,  os  órganos  de  selección,  as reclamacións…  Desta  forma,  poderán  ter  máis  seguranza  ao enfrontárense  á  tramitación  administrativa  que  supón  unha convocatoria de emprego nas administracións públicas. Por outra parte, o documento tamén é útil para as administracións convocantes, pois compila a principal normativa aplicable aos procesos selectivos e estrutura as recomendacións que deben ou poden seguir as entidades públicas á hora de desenvolver convocatorias de emprego.

O manual está pensado principalmente para as administracións locais, pois é neste ámbito onde hai maior número de prazas de técnicos/as de normalización lingüística e onde esperamos que se convoquen e se consoliden máis no futuro. Porén, dado que moita da normativa de función pública aplicable é bastante xenérica (Lei do Estatuto básico do empregado público, Lei do emprego público de Galicia…), tamén pode servir, con pequenas adecuacións, para outras administracións. Así mesmo, ao ser un manual que analiza os procesos selectivos desde unha vertente xurídica, é aplicable en gran medida a calquera outra praza das administracións públicas, tanto de persoal laboral coma de persoal funcionario.

O manual estrutúrase en seis capítulos onde se analizan os seguintes aspectos: a convocatoria, as bases e os requisitos (capítulo 1), a presenta- ción e admisión de solicitudes (capítulo 2), os órganos de selección e o seu funcionamento (capítulo 3), a descrición e resolución do proceso selectivo (capítulos 4 e 5) e as solicitudes, reclamacións e impugnacións (capítulo 6). Así mesmo, inclúe como primeiro anexo unha proposta de bases xerais para a regulación básica dos procesos selectivos, documento que pode servir de referencia para as administracións públicas que aínda non estean dotadas desta normativa esencial.

Desde a CTNL queremos dar as grazas a Andrea Garrido Juncal e Carla Casanueva Muruais, especialistas en Dereito Administrativo e autoras deste texto, polo gran traballo desenvolvido e a boa disposición para resolver as nosas dúbidas e adaptar o manual ás circunstancias laborais dos técnicos e técnicas de normalización lingüística. Tamén queremos agradecer ao profesor da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela Marcos Almeida Cerreda o traballo inicial para pór en marcha este proxecto e facilitarnos todas as xestións coa USC.

Esperamos que este texto sexa unha guía para as administracións, que poden encontrar nel as pautas para aplicar meticulosamente a normativa aos seus procesos selectivos. Mais, sobre todo, queremos que este manual sexa útil para ti, que aspiras a traballar a prol da nosa lingua como técnico/a de normalización lingüística desde as administracións públicas. Elaborámolo con esta intención e esperamos que te axude a resolver as túas dúbidas sobre os trámites administrativos relacionados cos procesos de selección.

Santiago de Compostela, novembro de 2020

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio