Máis de 150 persoas analizan en Compostela o sistema de acreditación oficial de lingua galega

A CTNL organiza a Xornada de análise e avaliación do sistema Celga, que ten lugar o xoves 28 de xuño na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela, e na que participarán máis de 150 persoas, co obxectivo de facer unha proposta de mellora do sistema de formación e acreditación en lingua galega para persoas adultas

A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolle a Xornada de análise e avaliación do sistema dos Celga, un encontro organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) co obxectivo de analizar o sistema de formación e de acreditación da lingua galega (Celga) para persoas adultas e de facer unha proposta de mellora, que lle será remitida á Xunta de Galicia.

Deste xeito, na xornada analizarase e avaliarase a implantación dos Celga dentro do proceso de normalización lingüística, a capacitación real da cidadanía e do persoal da administración e os requisitos en procesos selectivos, listaxes de contratación, etc. Tamén se analizarán as validacións e o modelo de acreditación, e os cursos de formación de galego para persoas adultas, a súa organización e xestión, as metodoloxías e contidos, as condicións do profesorado, etc. Durante o día intervirán, ademais de representantes da CTNL, técnicos/as de normalización lingüística, profesorado dos cursos Celga, avaliadores/as e outros/as expertos/as.

Desde a CTNL elaborouse unha proposta base de mellora do sistema Celga, para que sexa debatida e arrequecida no encontro, e que, posteriormente, cando sexa definitiva, será feita pública e presentada á Secretaría Xeral de Política Lingüística, para que esta a teña en conta e se fagan as melloras necesarias na formación e acreditación de galego.

Adaptación ao noso contexto e ao proceso de normalización lingüística

Desde a CTNL considérase que o sistema de acreditación da lingua galega debe ter en conta o proceso de normalización lingüística no que está o galego e, polo tanto, debe servir para avanzar nese proceso. Deste xeito, entre outras cousas, o sistema débese adaptar ás condicións sociolingüísticas de Galicia e os cursos deben servir tamén para trasladar uns valores positivos cara á lingua galega e mellorar os usos.

Así, para mellorar o sistema, entre outras cousas, a CTNL propón unha planificación anual dos cursos de galego, de forma que se cubra todo o territorio; a fixación de grupos formativos reducidos; a elaboración de materiais dirixidos a galegofalantes; unha maior atención ás actitudes e usos lingüísticos, e non só ás competencias; máis horas de formación; a creación dun corpo docente estable para a formación lingüística; unha formación específica completa e de calidade para o profesorado; ou un mínimo de dúas convocatorias anuais de probas para a obtencións dos certificados.

A Xornada de análise e avaliación dos Celga ten lugar o xoves 28 de xuño no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, en Santiago de Compostela, entre as 10.00 h e as 20.00 h.

A información e o programa completo pode consultarse aquí >

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio