Poucas veces coincide no tempo a publicación de documentos que tan directamente afectan ao noso traballo como técnicos e técnicas de normalización lingüística. Así, en datas recentes, ao abeiro do Consello da Cultura Galega e con participación de persoal vinculado á CTNL, viron a luz tres títulos que pasamos a analizar en dúas entregas.
Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino
O primeiro deles é a Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino, que pode ser consultado nesta ligazón.
Este estudo baseouse en dúas enquisas en liña, unha dirixida aos SNL/SL e outra aos EDLG dos centros educativos, realizadas na primavera de 2025. No caso dos SNL/SL tentouse que o universo fose a totalidade das unidades técnicas e obtivéronse 53 entrevistas dun total de 61 SNL/SL. Respecto dos EDLG, o universo inclúe centros de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional con 420 respostas dun total de 1287 centros.
Os servizos de normalización lingüística/servizos lingüísticos (SNL/SL)
A maioría dos SNL pertencen á Administración local (concellos, agrupacións de concellos e deputacións). En menor porcentaxe hai departamentos nas administracións de xustiza e autonómica (principalmente SL nestes dous casos) e nas universidades.

[Este e os demais cadros foron extraídos do propio estudo.]
Estes departamentos teñen en xeral unha traxectoria consolidada, cunha media de funcionamento de 24,5 anos. Mais esta permanencia proporciónanos outro dato: nos últimos anos case non se crearon departamentos novos e a implantación dos SNL/SL polo país continúa a ser moi desigual.
A posición dentro da organización, que repercute no grao de visibilidade, autonomía e capacidade operativa do departamento, non presenta un modelo uniforme. Tamén a dotación orzamentaria é un aspecto que transmite grandes desigualdades: destaca que un 47,2% dos SNL/SL analizados carecen de orzamento propio, o que lastra as súas funcións.
Os SNL/SL contan en xeral con cadros de persoal moi reducidos; é significativo o dato de que o 75,5% son órganos unipersoais, e os que contan con máis dunha persoa adoitan estar formados unicamente por persoal técnico superior, sen apoio de persoal auxiliar (só o 6% dos SNL/SL contan con persoal administrativo). O persoal técnico conta cunha dilatada experiencia nos SNL/SL (unha media de 17 anos); no entanto, máis da metade dos postos (55,7%) só se consolidaron ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, é dicir, hai uns tres anos.

É significativo o dato de que o 75,5% son órganos unipersoais, e os que contan con máis dunha persoa adoitan estar formados unicamente por persoal técnico superior, sen apoio de persoal auxiliar.
O labor que se desenvolve nos departamentos lingüísticos abrangue tarefas diversas. De acordo co tempo destinado a cada unha delas podemos ordenalas de maior a menor da seguinte forma:
- asesoramento lingüístico (labor case exclusivo no caso dos SL),
- dinamización lingüística,
- funcións xerais,
- tramitación administrativa,
- formación (socio)lingüística e
- outras.
Na área da dinamización lingüística, o estudo preguntou polos principais ámbitos de intervención, que podemos observar no seguinte gráfico:

A colaboración dos SNL/SL con outros departamentos da propia institución é unha característica da maioría dos enquisados. No entanto, a cooperación con entidades exteriores é máis desigual, aínda que a tendencia é que se produza con EDLG, con entidades culturais e con outros SNL/SL. A Rede de Dinamización Lingüística é un instrumento de colaboración institucional ao cal pertence o 69,8% das entidades onde hai SNL. No entanto, debemos analizar con cautela esta porcentaxe, pois a Rede busca intervir no ámbito local e as entidades públicas que forman parte dela son principalmente concellos; se só analizásemos as entidades locais, a porcentaxe sería ben maior. Mas unha cousa é pertencer e outra colaborar activamente: segundo este estudo, só o 24,3% dos SNL de entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística interveñen na planificación das actividades desta.
Só o 24,3% dos SNL de entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística interveñen na planificación das actividades desta.
En canto ao nivel de satisfacción das persoas que traballan en normalización lingüística, as puntuacións máis altas corresponden á cualificación profesional e aspectos laborais, é un pouco menor na análise da organización institucional e dos recursos dispoñibles e baixa considerablemente en aspectos coma o labor burocrático e a tramitación administrativa, o que salienta unha das eivas dos SNL: o peso da carga administrativa, que impide dedicar máis tempo a outros labores técnicos como a planificación lingüística.
As persoas enquisadas foron tamén cuestionadas sobre as fortalezas e as debilidades que apreciaban nos SNL/SL. Entre as primeiras figuran aspectos variados coma a estabilidade e continuidade do departamento, a proximidade á cidadanía, a capacidade de colaboración institucional, a implicación do persoal técnico ou o compromiso político das institucións. En canto ás debilidades, denotan problemas estruturais como a escaseza ou falta de orzamento, carencia de valoración, déficit de persoal ou falta de claridade das funcións.
No estudo tamén se recolleron aspectos que poden mellorar o traballo en normalización lingüística. Entre eles están o aumento da dotación orzamentaria, a mellora do compromiso político, a planificación, a colaboración entre institucións ou o incremento do labor transversal. Tamén se menciona o aumento de persoal.
Os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG)
O estudo analiza a composición dos equipos, as súas motivacións, formación e experiencia e as súas principais accións, alén de seleccionar fortalezas, debilidades e aspectos de mellora. Tamén se cruzaron datos tendo en conta aspectos como o tipo de centro (público/privado ou concertado), ensino impartido ou hábitat.
Os EDLG están formados por docentes, alumnado, PAS e, esporadicamente, integrantes doutras categorías. A persoa coordinadora é na súa maioría docente de lingua e literatura galega, especialmente nos centros privados ou concertados (85,2%); no caso dos públicos hai máis variedade de perfís docentes na figura do coordinador pero tamén é este perfil o máis numeroso (37,4%).
A motivación que destaca á hora de asumir o papel de coordinador é o compromiso persoal coa lingua, sen descartar outra razón que ás veces se solapa, coma a designación por parte da dirección. Outra característica que destacan as persoas enquisadas é a carencia formativa entre os membros dos equipos: só o 25% indica que recibiu formación especializada.
O tempo de dedicación ao EDLG é en xeral o dobre do tempo asignado no horario escolar, como pode apreciarse no seguinte cadro:

En relación cos recursos económicos, a maioría ten orzamento propio (68,1%). A procedencia deste orzamento revela unha dependencia das axudas específicas para proxectos de fomento do uso do galego, que son a fonte de ingresos do 93,4% dos equipos.
Entre as actividades que desenvolven os EDLG destacan as conmemoracións culturais e efemérides, celebracións tradicionais, obradoiros e actividades creativas, actividades de lectura e oralidade, concursos e certames e produción de materiais. Os centros de Secundaria implícanse máis na realización de obradoiros, concursos e na produción de materiais, mentres que centros de Infantil e Primaria se centran en actividades de oralidade e festas tradicionais.

Os espazos de colaboración máis habituais dos EDLG son as outras áreas e departamentos do centro educativo, preferentemente a biblioteca escolar. Sobre a cooperación con entes externos ao centro, destaca a relación coas entidades culturais e a participación en actividades dos concellos. Tamén hai certa interacción con outros EDLG, aínda que non é maioritaria (31%).
As fortalezas que destacaron as persoas entrevistadas son a implicación e o compromiso do EDLG, a colaboración dentro do centro, a cohesión grupal e o traballo en equipo e a creatividade, diversidade e orixinalidade das actividades. Dentro dos puntos febles destaca a limitación de tempo e a carga de traballo, a falta de compromiso da comunidade educativa, a situación sociolingüística do contorno e os problemas de financiamento.

Nos aspectos que deben ser mellorados destacan a anticipación das axudas e a mellora do orzamento, pois a falta de previsibilidade e a insuficiencia financeira dificultan a planificación a medio prazo e a posta en marcha de actividades ambiciosas. Tamén se propón reforzar a colaboración entre institucións e potenciar o labor transversal para integrar as accións do EDLG na planificación xeral do centro.

A falta de previsibilidade e a insuficiencia financeira dificultan a planificación a medio prazo e a posta en marcha de actividades ambiciosas.
Por último, os EDLG foron cuestionados sobre o grao de cumprimento da lingua vehicular asignada no Plan lingüístico do centro (PLC) e sobre a influencia do Decreto 79/2010 no proceso de normalización lingüística. Maioritariamente cúmprese o establecido no PLC (58,8%), pero destaca unha porcentaxe do 37,6% de centros que usan máis o castelán do sinalado no PLC. En relación coa repercusión do Decreto 79/2010, un 56% opina que contribúe pouco ou nada á normalización lingüística.
Bibliografía:
- Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2025, 86 páxinas [pódese descargar en pdf aquí].
Información relacionada
- Lingua, normalización lingüística e SNL (e II): resumo dos aspectos relacionados cos SNL nas conclusións de Un país coa súa lingua e dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística.




