O segundo dos documentos correspóndese coas conclusións do foro participativo que baixo o título Un país coa súa lingua o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou durante o ano 2025. Entendido como un espazo aberto e plural, o seu obxectivo foi o de propiciar un diálogo participativo ao redor do futuro da lingua vertebrado en seis mesas sectoriais (a gravación de todas as sesións está dispoñible na canle do YouTube do CCG).

Entre as 95 propostas que recolle o documento podemos atopar referencias directas á situación dos SNL e do proceso de normalización lingüística. Concretamente na mesa 2 (Administración, xustiza e servizos públicos) a diagnose que se presenta incide en tres aspectos:
- o pouco desenvolvemento do marco normativo,
- a existencia dunha inercia castelanizante nos procedementos habituais e o déficit de infraestruturas (SNL, formación…), e
- a escasa aplicación práctica das cláusulas lingüísticas nas contratacións e subvencións públicas.
O apartado 2.2.6, dedicado en exclusiva aos SNL, describe a seguinte situación:
- Carencias estruturais no que respecta ao desenvolvemento e implantación de SNL no conxunto das administracións públicas galegas, do que resultan unhas desigualdades territoriais e funcionais que empecen a consolidación dunha rede normalizadora sólida e estable.
- A inexistencia dun marco normativo que regule a súa creación, composición e funcións (que administracións deben contar con SNL?, que acontece alí onde non o hai?).
- Alén do ámbito local, no da xustiza, por exemplo, a inexistencia de SNL impide desenvolver accións transversais ou impulsar campañas de sensibilización adaptadas á realidade deste sector.
- A inexistencia dunha oferta formativa para o persoal dos SNL estable e estruturada.
Cabe resaltar que no documento, como se leva defendendo desde a CTNL desde hai tempo, se alude a que a función dos SNL (por extensión, do seu persoal) vai máis alá da creación de contidos e dos labores de corrección lingüística, pois deben ser departamentos técnicos que asesoren as administracións no exercicio das súas competencias, planificando, deseñando, xestionando e avaliando proxectos que teñan como fin a ampliación de usos e do prestixio da lingua. De feito, mesmo se sinala que os SNL poderían evolucionar cara a modelos máis dinámicos que acompañen procesos individuais ou colectivos de tránsito ao galego e exercer de referentes para achegar recursos, redes e seguridade lingüística no ámbito das administracións.
Xa dentro da parte propositiva, os SNL aparecen como un dos eixes de actuación sobre o que se proxecta un conxunto de medidas estruturadas en tres bloques en que priman a dotación de recursos e a coordinación:
- Crear unha rede pública de SNL e que sexa o resultado do establecemento duns criterios polos cales as administracións deban estar dotados dun SNL segundo a súa dimensión e capacidade orzamentaria; igualmente, traballarase na definición das súas funcións, composición e na activación dun plan estable de financiamento coa intención de consolidar a rede de SNL, fixar fórmulas de cooperación e priorizar aquelas áreas sen cobertura.
- Crear e estruturar SNL na Administración de xustiza con capacidade para actuar en tres frontes: campañas, acompañamento a unidades e oficinas e acompañamento individual a aquel persoal que se queira incorporar ao emprego da lingua galega.
- Articular unha oferta formativa especializada e estable para o persoal dos SNL que contribúa á súa profesionalización e actualización nos campos da planificación e da normalización lingüísticas.
Aínda que a mesa 2 é a que analiza con máis profundidade a situación dos SNL, tamén se mencionan noutras mesas sectoriais, xa sexa para buscar unha maior colaboración con estes departamentos (no ámbito da participación comunitaria), xa sexa para reclamar a creación de SNL en ámbitos concretos, por exemplo, no Sergas.
O documento péchase co establecemento de cinco grandes desafíos, entre os cales se sitúa reverter a infradotación dos servizos de normalización lingüística e a disparidade dos graos de responsabilidade que arestora presentan. Insístese na necesidade dunha coordinación constante no tempo (non ocasional) entre administracións e cos sectores cultural, económico e educativo. No plano executivo a conformación dunha rede de servizos de normalización lingüística sitúase como unha proposta estrutural para a gobernanza e a planificación dunha nova política lingüística.

E, finalmente, o terceiro dos documentos correspóndense coas conclusións da última edición dos Encontros para a normalización lingüística que en outubro de 2025 organizou o Consello da Cultura Galega co ánimo de propiciar un balance e reflexión sobre a situación dos servizos de normalización lingüística e mais dos equipos de dinamización da lingua galega logo de máis de tres décadas de funcionamento.
Aínda que o devandito documento, presentado no mes de febreiro, é o suficientemente revelador e esquemático, resumimos, a seguir, as principais achegas organizadas en dous bloques –debilidades e propostas– no que respecta aos SNL (ao igual que o anterior evento as gravacións das distintas intervencións están dispoñibles aquí).
BLOQUE 1. Debilidades
- Implantación territorial de SNL profundamente desigual e con visos de padecer un estancamento no que respecta á súa creación.
- Escasa visibilidade e autonomía nos organigramas institucionais, ao que hai que engadir a ausencia dun orzamento de seu que revela unha forte dependencia das subvencións.
- Predominio dunha estrutura unipersoal non exenta de certa ambigüidade na atribución de funcións (o que inclúe tarefas administrativas), o cal limita a capacidade operativa.
- O asesoramento lingüístico como principal función, o cal reduce a incidencia social e resta tempo ás actividades de dinamización lingüística.
- Ausencia xeneralizada de plans de normalización ou doutros instrumentos planificadores; a Rede de Dinamización Lingüística, da Xunta de Galicia, non está a cumprir co seu obxectivo fundacional de promover a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística
BLOQUE 2. Propostas de mellora
- Aumentar o número de SNL e promover agrupamentos comarcais
- Homoxeneizar a integración institucional dos SNL na procura dunha maior visibilidade, autonomía e estabilidade.
- Garantir un orzamento para os SNL propio que diminúa a dependencia das subvencións e reverta nunha maior estabilidade e eficiencia.
- Reforzar o persoal, no plano técnico e administrativo, e garantir unha formación específica en planificación lingüística.
- Reformular a Rede de Dinamización da Lingua como resultado do liderado que debe asumir a Xunta de Galicia no que respecta á planificación da normalización lingüística e coa intención de transformarse nun verdadeiro órgano de acción conxunta convenientemente dotado de recursos (económicos e de persoal).
- Impulsar a dinamización lingüística como función/ocupación prioritaria dos SNL.
- Crear espazos para o intercambio de experiencias, a cooperación e a innovación entre servizos.
- Reforzar a defensa activa do proceso de normalización lingüística por parte das administracións públicas
Bibliografía:
- Un país coa súa lingua. Foro participativo: sete mesas sectoriais e unha sesión de conclusións [pódese acceder ao contido das sesións aquí].
- Un país coa súa lingua. Foro participativo, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2025, 155 páxinas [pódese descargar en pdf aquí].
- XXVII Encontros para a Normalización Lingüística. Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística (EDLG e SNL): contido da xornada que tivo lugar o 21 de outubro de 2025. [pódese acceder ás intervencións aquí]
- Conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística. Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística (EDLG e SNL) [pódense descargar en pdf aquí]
Información relacionada
- Lingua, normalización lingüística e SNL (I): resumo de Análise da situación dos SNL da Administración pública galega e dos EDLG dos centros de ensino (Consello da Cultura Galega).




