Laboratorio de Apoderamento Lingüístico en Ferrolterra
A cooperativa Rexenerando, de Ferrol, desenvolve en catro centros de ensino da comarca de Ferrolterra un Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) a través do programa TeCe Redes.
O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico desenvolverase con alumnado de Bacharelato dos centros públicos ferroláns IES Carvalho Calero, IES Concepción Arenal e IES Sofia Casanova e no cedeirense IES Punta Candieira durante os meses de outubro e novembro.
O laboratorio aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo ás emocións e á propia experiencia.
OBXECTIVOS
O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico ten os seguintes obxectivos:
– a creación de espazos seguros para o uso do galego,
– a autorreflexión sobre as ligazóns e prexuízos a respecto da lingua propia,
– o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras desenvolvidas pola propia mocidade para a creación dunha comunidade de activistas lingüísticas.
DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA
Esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de outubro nos centros de secundaria citados. As profesionais da cooperativa Rexenerando facilitarán o desenvolvemento das sesións en grupos aula para afondar na experiencia lingüística, traballando con ferramentas como a liña de vida lingüística para identificar momentos de conflito e descuberta, asociados á relación das diferentes linguas en contacto.
Nunha segunda fase, o vindeiro 11 de novembro, desenvolverase unha sesión de prototipado de accións intercentros. Neste encontro, de participación voluntaria, o alumnado exporá as propostas e recursos recompilados previamente. Unha serie de pequenas grandes accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos.
E, finalmente, o 29 de novembro celebrarase un acto de peche para dar conta do proceso publicamente, vinculando a rapazada con toda a comunidade educativa e co conxunto da sociedade. Este espazo servirá para compartir as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso da mocidade co idioma. Neste evento, ademais, proxectarase un vídeo resumo de como foi todo o desenvolvemento do Laboratorio.
Esta iniciativa é un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) a través do programa TeCe Redes e deseñado pola cooperativa Rexenerando de Ferrol.