Segundo declaracións de Bieito Ledo, fundador da editorial, a Vieiros, “a resposta da SXPL foi que o concurso non se ía repetir, porque xa existe un dicionario en liña de galego, o da RAG, aínda que conta con moi poucas entradas (15 mil, por 65 mil do de Ir Indo) e non contén as modificacións normativas de 2003”.
Segundo publica A Nosa Terra, ao concurso da SXPL presentáronse dúas propostas, e a de Ir Indo foi excluída por non figurar no seu obxecto social a creación de traballos para internet, senón para o papel.
“Concedéronlla, pero as bases estaban mal feitas”, explica Bieito Ledo. “Valoraban a traxectoria da empresa, por un programa de puntos, pero o que era o contido do dicionario, non”. Valoraban as correspondencias a outras linguas, pero non o número de entradas, as etimoloxías, que fose interactivo… O caso é que a empresa admitida para a adxudicación do contrato non contemplara o contido do dicionario como base de datos terminolóxica, e finalmente o concurso quedou declarado deserto, segundo publica A Nosa Terra.
Mentres tanto, o Digalego.com, analizado neste web da CTNL por Luz Cures, xa non está en rede.
Comunicado completo que Ir Indo publicou:
A Secretaría Xeral de Política Lingüística con data 10 de setembro de 2007 publicou no Diario Oficial de Galicia un concurso público para financiar un dicionario na rede (debido a que só había -e segue habendo- o da Real Academia Galega, con 15.000 entradas e na normativa anterior). Despois de adxudicarllo a unha empresa tivo que declaralo deserto debido a un gran fallo na redacción das bases.
Ante esta decisión IR INDO EDICIÓNS retira da rede o seu dicionario ata que a Secretaría Xeral de Política Lingüística rectifique as bases e volva convocar, en concurso público, este servizo.
Pedimos desculpas aos milleiros de internautas que neste curto período de tempo nos visitaron, e que incluso nos enviaron os seus parabéns.
Confiamos en estar con vós o antes posible.
Ir Indo paraliza o seu dicionario na rede Digalego.com e pide rectificacións de Política Lingüística
Coincidindo co Día do Libro, o 23 de abril, a Editorial Ir Indo puxo en marcha o dicionario de galego Digalego.com, un ambicioso proxecto que agora retira da rede até que a SXPL rectifique as bases dun concurso público para financiar un dicionario en liña.