Informe sobre as propostas e o traballo desenvolvido pola CTNL no grupo de traballo para a creación da Rede de Dinamización Lingüística Local da SXPL (.pdf, 276 KB) >
A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) convidou a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), en xuño de 2009, a participar nun grupo de traballo para a constitución dunha Rede de Dinamización Lingüística. Ese grupo de traballo –composto por catro representantes da SXPL, dous representantes da CTNL e catro técnicos/as de normalización nomeados/as pola SXPL– sería o encargado de facerlle á SXPL unha proposta sobre os criterios, obxectivos, funcións e estrutura desa futura Rede.
Ante a proposta, desde a CTNL insistiuse en que a prioridade debe ser a constitución dun consorcio, pois é a única maneira de termos un organismo interadministrativo real, que poida dotarse de persoal multidisciplinar para a planificación lingüística e que permite a creación de servizos de normalización lingüística comarcais coa participación das distintas administracións.
A non constitución dese consorcio só se pode achacar a criterios políticos, e en ningún caso técnicos nin económicos, pois as diferentes propostas feitas pola CTNL arredor dese organismo sempre se basearon en que tecnicamente era a mellor opción e economicamente supuña rendibilizar os recursos que na actualidade xa se lle dedican á normalización lingüística desde as diferentes administracións.
Aínda así, e ante a negativa da SXPL de impulsar a constitución dun consorcio, desde a CTNL defendéronse nese grupo de traballo unha serie de cuestións básicas que a SXPL debería ter en conta para a posta en marcha desa Rede, vista pola CTNL como un primeiro paso.
En primeiro lugar, desde a CTNL expúxose que, antes de nada, había que reformular por completo a convocatoria de subvencións para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística das administracións locais, pois esa orde de subverncións tiña que ser a ferramenta inicial que servise para crear e estabilizar unidades técnicas distribuídas por todo o territorio que planificasen e executasen medidas a prol do aumento do uso e do prestixio do idioma en todos os ámbitos da sociedade.
En segundo lugar, e ante as propostas e posturas da SXPL para a creación desa Rede, defendéronse unha serie de cuestións básicas concretas relativas a ese posíbel futuro organismo.
No informe completo (.pdf) pódense consultar os datos de grupo de traballo, as propostas para a mellora da promoción e impulso dos SNL desde a Xunta de Galicia a partir da orde de subvencións para a normalización lingüística desde as administracións locais, e as propostas concretas relativas á creación da Rede de Dinamización Lingüística.
Informe sobre as propostas e o traballo desenvolvido pola CTNL no grupo de traballo para a creación da Rede de Dinamización Lingüística Local da SXPL (.pdf, 276 KB) >
Informe sobre o traballo da CTNL no grupo de traballo para a creación da Rede de Dinamización Lingüística
A SXPL convidou a CTNL a participar nun grupo de traballo para a constitución dunha Rede de Dinamización Lingüística. O grupo sería o encargado de facerlle á SXPL unha proposta sobre os criterios, obxectivos, funcións e estrutura desa futura Rede, comezando pola reformulación das subvencións para a normalización lingüística na administración local. Publicamos aquí un informe sobre o traballo desenvolvido pola CTNL nese grupo