II Xornada de Onomástica Galega no Museo de Pontevedra

A Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, organiza o vindeiro 30 de setembro a II Xornada de Onomástica Galega, que abordará os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e dos apelidos. Terá lugar en sesións de mañá e tarde no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e non é necesaria inscrición.

Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordarán as persoas convidadas das tres primeiras sesións, procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.

PROGRAMA

O programa iniciarase ás 10 da mañá coa sesión titulada “Aspectos legais: a onomástica persoal no Rexistro Civil e os procedementos para restituír a forma estandarizada. Datos, problemas e solucións”, a cargo de Consuelo Castro Rei, avogada do Estado, e Encarna Dasi Dorelle, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución núm. 1 de Caldas de Reis.

Os aspectos lingüísticos serán abordados a partir das 12 horas por Ana Boullón e Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente. A coordinadora da xornada falará do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos e a restitución das formas galegas, con propostas para o seu tratamento, e Gonzalo Navaza, da continuidade e da variación na transmisión dalgúns apelidos.

O programa retomarase pola tarde coas achegas de Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, que se centrarán en estratexias para a difusión social das formas estandarizadas. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña desde a Administración de xustiza para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.

A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda.

As sesións desenvolveranse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o acceso é gratuíto sen necesidade de inscrición.

Máis información aquí.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio