“Queremos coñecer prácticas adecuadas, interesantes, eficaces, exemplares e inspiradoras para revitalizar as linguas europeas!” Con este chamamento, o proxecto Hitzargiak. Linguas que se iluminan mutuamente convídanos a formar parte del.
O obxectivo principal do proxecto é consolidar una rede de contactos das comunidades lingüísticas de Europa, para que que se coñezan e alimenten mutuamente e conseguir así unha maior eficacia nos procesos de revitalización das linguas locais.
A través do web danse a coñecer boas prácticas que se desenvolveron ou se están a desenvolver en procesos de revitalización de linguas minorizadas de Europa. Así mesmo, tamén serve para pór en contacto os axentes que participan nestas actividades, que poderán xuntarse e intercambiar experiencias nun encontro que se vai organizar no vindeiro mes de xuño.
Con todo, o proxecto Hitzargiak non finalizará co encontro. A plataforma virtual seguirá en funcionamento recompilando e canalizando relacións e colaboracións para que no futuro se continúe a tecer a rede construída ata ese momento.
Neste primeiro momento, o comité científico do proxecto Hitzargiak escolleu once boas prácticas galegas, que poden aumentar no futuro:
– Modelo Burela
– Club de Debate
– Apego
– Tíralle da lingua
– Cantalingua
– Agasallo
– Gústame o galego
– Como cho digo ;-)
– Clube da lingua
– Documental A memoria da lingua
– Escolas de ensino galego Semente
Máis información aquí>
Hitzargiak. Linguas que se iluminan mutuamente
Hitzargiak é un proxecto enmarcado na Capitalidade Europea da Cultura de Donostia 2016 e ten como obxectivo compilar accións europeas de revitalización lingüística para favorecer o intercambio de información entre as comunidades lingüísticas.
Inclúe accións como o Modelo Burela, Gústame o galego ou Apego.