Historias. E que tal se creamos un Espazo da Memoria Lingüística?

OPINIÓN: por Iván Méndez López

Antón leva un ano desempregado, o mesmo tempo que desde que rematou a carreira. Cando ten oportunidade, blasfema sobre a crise. De rematar antes, talvez hoxe sería diferente. Tirou con proveito os estudos: non foi o mellor, mais o seu expediente é brillante...

…Neste ano, aínda está a agardar a chamada do servizo de emprego para lle ofrecer algo que se adapte aos seus estudos. Percorreu todas e cada unha das empresas que podían precisar alguén coma el. Deixoulles o seu currículo. Un tempo despois, volveu deixarlles o currículo. Así até catro veces. Cando rematou as expectativas de contratación, redactou un outro, onde relacionaba os pequenos choios que tivo mentres estudaba e comezou a abrir o abano de posibilidades. Desta vez, o currículo redactouno en castelán: talvez para aparentar neutro, convenceuse.

María leva anos a traballar nunha empresa de atención telefónica. Para ela, isto da crise é un invento: sempre a sufriu. Cando os mileuristas eran unha rémora social, ela soñaba con un soldo semellante. Con todo, comezou a narcotizarse cando vía que a empresa «deslocalizaba» as súas sedes. Cando menos, ela resiste. O seu traballo consiste en atender chamadas de todo o Estado: «Buenos días. Le atiende María Vázquez. En que puedo ayudarle», repite unha e outra vez. Dá igual que vexa que a chamada vén do edificio do lado. Dá igual que sexa seu irmán: ten de repetir esa frase e ten que continuar a atención en castelán.

Sonia tamén está ao outro lado do teléfono. Encárgase de vender os produtos dunha editorial: chamadas a bibliotecas, asociacións, administracións e persoeiros. Nun momento pode falar con Allariz e aos cinco minutos co Centro Galego de Bos Aires. O traballo non é grande cousa mais permítelle manter os seus fillos. Cando se incorporou ao seu posto, non preguntou nada: actuou como actuaban os compañeiros. Ninguén lle dixo o contrario até que un día se soltou. A ousadía mereceu un á parte co seu xefe: emprega sempre o castelán.

O que máis lle doe a Sonia son os fillos: unha fedella que soña con bailar e con tocar o piano e un pequerrecho creativo que tenta pasar sempre desapercibido. Houbo un tempo en que os avós se encargaban do seu coidado diario até que comezou a hora de os escolarizar. Coa nena un día chegou ao acordo: mamá, voy a hablar como los demás niños. O pequeno simplemente foi desaprendendo todo o que mamou.

Paulo ten tamén descendencia: un cativo rebuldeiro que desde que deu a súa primeira palabra non parou. Son os avós quen se encargan do neno cando el está no traballo. Gusta de pasar o tempo con el, falarlle, xogar e aprendeulle o pouco que sabe. Un día baixou ao parque co cativo: o neno encántalle o pouco verde que hai na cidade. Mentres o cativo estaba na herba, Paulo meditaba cousas do traballo sentado nun banco, sempre cun ollo atento. Un rapaz achegouse a Uxío e marchou ás presas. Ao minuto regresou con outro. «Mira, este es el niño que habla gallego» espetoulle.

Xosé foi sempre dos que pedían con leite: «Podes poñerme un café con leite?». «Con leche?», retrucaban ao outro lado da barra. «Si, con leite». Vivía nunha desas vilas onde se trasladou a nai cando comezou un novo proxecto. Chegou con 14 anos. Aos tres días no instituto de barrio en que deu en sentarse, o compañeiro de mesa preguntoulle: «Hablas siempre en gallego? Siempre, siempre?» Si, respondeu molesto, e aí quedou. Sempre. Fíxose forte cando achou o seu grupo: catro rapaces en circunstancias semellantes. As conversas de café indignábnao até que comezou a pasar. El seguiu cos seus con leites. Agora é el dos que retruca, sobre todo cando está o xefe a comprobar como vai o negocio. Nos días en que atende o bar só, a cousa cambia, sobre todo coa clientela fixa.

Todas estas son historias reais, historias que de algún ou doutro xeito vivimos todas e cada unha das persoas que falamos galego porque si, porque nos peta e nos dá a gana. Cada día temos algún relato que contar. Desde o día que somos conscientes de que empregamos unha lingua que se fala por molestar, todos podemos ir construíndo a nosa linguobiografía chea de anécdotas como os «conleites» ou de capítulos enteiros de discriminación. Nós temos as historias. Os nosos pais e nais viviron outras, e que dicirmos dos avós. Nós temos as historias e outros contan «as súas».

Talvez sería hora de difundírmolas: non é hora de crearmos un Espazo da Memoria Lingüística do país?




Artigo publicado orixinariamente no blog do autor http://eche.blogaliza.org/

Iván Méndez López é membro da directiva da CTNL [+info]
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio