Entón, podemos contar contigo?
Para iso, para mellorarmos ou desenvolvermos algúns dos proxectos previstos para os vindeiros meses, imos crear unha serie de grupos de traballo e convidámoste a participar neles:
- LGx15. Ideas para o futuro da lingua: retomamos por cuarto ano consecutivo esta actividade e gustaríanos que participases planificando, propondo contidos e nomes, ideas de organización e desenvolvemento, etc.
- Elaboración dunha proposta de temario específico para procesos selectivos de TNL: con esta proposta procuraremos máis unificación nos procesos selectivos e unha maior adaptación dos temarios ao traballo que se desempeña nun servizo de normalización lingüística. Se tes experiencia no traballo en servizos de normalización lingüística e queres axudar a elaborar esta proposta, inscríbete.
- Creación dun premio que recoñeza accións, programas, proxectos, etc. de normalización lingüística: esta proposta busca recoñecer e divulgar experiencias do traballo de normalización lingüística, para coñecermos mellor como se deseñan e se desenvolven, dar unha imaxe positiva deste labor, marcar modelos de accións e difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.
Cada un destes grupos será coordinado por unha ou varias persoas, e nel poden participar todas as que se anoten. Cada grupo poderá ter un funcionamento distinto, a súa propia dinámica, mais, en xeral, aínda que haxa algunha xuntanza física, a idea é que boa parte do traballo se faga a través do correo electrónico, intercambiando ideas, propostas, tarefas, etc. E o tempo que lle dediques será o que ti queiras ou poidas dedicarlle…
Anímaste a participar?
Pois daquela envía unha mensaxe a info@ctnl.gal ata o 4 de abril indicando en que grupo(s) queres participar, o teu nome, enderezo electrónico e teléfono.
Veña, entre todas e todos faremos que estes proxectos saian ben! ;-)