Pinchadas da música, pero da boa ;-), Galego express: lingüista a domicilio, Galegogym ou 24 horas galego fullscreen son algunhas das propostas que se poden atopar xa no web de GalegoLab, e que todas as persoas que queiran poden xa valorar, comentar, transformar en proxectos, colaborar con recursos materiais ou económicos ou con tempo e ideas, etc. E se non che gusta ningunha destas propostas, pois podes facer a túa!
En GalegoLab podes dar ideas, botar unha man e colaborar en accións a prol do galego
Mais, que é isto de GalegoLab?
GalegoLab é unha organización sen fin de lucro que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega.
GalegoLab é unha nova forma de organizarse e de colaborar en proxectos que teñan por obxectivo a promoción da lingua galega, pois:
- Unha boa idea, ben presentada e ben traballada, pode chegar lonxe
- Entre moitos e moitas pode facerse posible o difícil
- Aínda que o debate é interesante, o prioritario é pasar á acción
GalegoLab baséase no crowdsourcing. E iso que vén sendo?
O crowdsourcing é a organización de grupos informais de xente para conseguir obxectivos reais e concretos.
A Wikipedia ou Linux son exemplos coñecidos de crowdsourcing, onde moitos e moitas se teñen xuntado para cooperar na medida das súas posibilidades, e de xeito electrónico.
Vale, pero eu, que podo facer?
En GalegoLab podes facer cinco cousas principais:
- Presentar ideas de accións concretas para a promoción da lingua galega
- Transformar ideas en proxectos
- Axudar a mellorar as ideas doutras usuarias
- Priorizar cos teus votos as propostas prioritarias
- Colaborar na realización de proxectos
Para poder facer todo isto, só tes que te rexistrares aquí.
Tamén podes facerte socio/a da asociación GalegoLab aquí.
http://galegolab.org/