Con Flocos.tv a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a través da Axencia Audiovisual Galega, pon ao dispor de todos e de todas boa parte das producións audiovisuais galegas, tanto as subvencionadas, como as producións históricas recuperadas, filmes sen axudas da administración e filmes amadoristas.
Flocos.Tv é un portal como Youtube ou Google-Videos no que se poden almacenar pezas audiovisuais para así poderen ser vistas a través da rede.
O punto de partida deste portal que naceu o 8 de decembro de 2008 foron 20 curtas, e a partir de aí hai unha estrea por día, polo que agora mesmo xa hai máis de 70 filmes colgados. Nun primeiro momento os filmes serán subidos pola Axencia Audiovisual, mais despois duns meses de proba cada usuario/a poderá subir as súas producións.
Nun principio só hai curtametraxes, mais proximamente incorporaranse tamén longametraxes.
Algúns dos títulos que xa se poden ver son, entre outros, Ecos, Sen escrúpulos, O matachín, Río de sombras, Mamasunción, Perversa Lola, Os defuntos falaban castelao, A casa de Lola de Andrés, Os señores do vento, Longo sendeiro de pedra, Katiuska (os corpos agrícolas), etc.
Ademais, os filmes poden verse agrupados por ciclos, como A lingua animada, Cinema bravú, Especial anos 70, etc.
Para ver Flocos: http://www.flocos.tv
Flocos.tv: o cinema galego na rede
A Axencia Audiovisual Galega puxo en marcha Flocos.tv, o portal de internet onde se poden ver en toda a súa duración producións audiovisuis galegas: curtametraxes e longametraxes de ficción, animación, documentais e experimentais.