A celebración o día 23 de abril como Día Internacional do Libro serviu como punto de partida para esta exposición que se presenta como unha campaña de animación á lectura e de promoción do plurilingüismo. A iniciativa conta cun expositor con libros e revistas nas diferentes linguas oficiais da península, é dicir: galego, castelán, portugués, éuscaro e catalán. Este expositor permanecerá colocado durante varios días en instalacións alleas ao propio espazo das bibliotecas, de tal xeito que se achegarán os libros aos cidadáns e cidadás de Redondela en contornos pouco comúns. Así os días 21 e 22 de abril estivo na Alameda de Chapela; os días 23 e 24, nos soportais da Casa do Concello de Redondela; e do 27 ao 30 na entrada do edificio Multiusos da Xunqueira, en Redondela. O horario de exposición será de 17.00 a 20.00 h.
As persoas que se acheguen poderán gozar do pracer de ler e, ao mesmo tempo, comprobar como son as linguas veciñas e aprender a valoralas. A riqueza cultural dos pobos mantense tamén grazas á riqueza da variedade lingüística. Esta é a que nos fai entender o mundo que nos rodea e interpretalo de formas diversas, todas elas válidas para un bo entendemento entre homes e mulleres.
Para completar os fondos dispoñíbeis nas bibliotecas colaboraron co SNL de Redondela as seguintes institucións: Instituto Camões de Vigo, a Dirección de Promoción do Euskera (Goberno Vasco), e a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña.
Festa da palabra en Redondela
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, conxuntamente coas bibliotecas públicas de Chapela e Redondela, organizan a "Semana do libro: a festa da palabra”.