E aquí proxectos non faltan…
Entón, podemos contar contigo?
Para iso, para mellorarmos ou desenvolvermos algúns dos proxectos previstos para os vindeiros meses, imos crear unha serie de grupos de traballo e convidámoste a participar neles:
- LGx15: coma os dous últimos anos retomaremos esta actividade e gustaríanos que participases planificando, propondo contidos e nomes, ideas de organización e desenvolvemento, etc.
- Encontro de análise sobre a formación de adultos en galego: logo da xornada desenvolvida no 2012, da que saíu unha Proposta para a mellora da programación e xestión dos Celga, valoramos a pertinencia de actualizar a proposta anterior á realidade laboral actual a través dunha xornada de participación de diversos colectivos: profesorado, técnicos/as de normalización lingüística, institucións… Gustaríache colaborar na organización?
- Plataforma web para o Viveiro de propostas normalizadoras: queremos crear una versión web do Viveiro de propostas normalizadoras para xestionar a nosa capacidade para xerar ideas e campañas. Axúdasnos a creala?
Cada un destes grupos será coordinado por unha persoa, e nel poden participar todas as que se anoten. Cada grupo poderá ter un funcionamento distinto, a súa propia dinámica, mais, en xeral, aínda que haxa algunha xuntanza física, a idea é que boa parte do traballo se faga a través do correo electrónico, intercambiando ideas, propostas, tarefas, etc. E o tempo que lle dediques será o que ti queiras ou poidas dedicarlle…
Anímaste a participar?
Pois daquela envía unha mensaxe a info@ctnl.gal até o 5 de abril indicando en que grupo(s) queres participar, o teu nome, enderezo electrónico e teléfono.
Veña, entre todas e todos faremos que estes proxectos saian ben! ;-)