En vigor unha nova Ordenanza para o impulso social da lingua galega no concello de Carballo

Coa finalidade de impulsar socialmente o uso e prestixio do galego en todos os ámbitos no municipio de Carballo, o seu Pleno aprobou, sen votos en contra e sen recibir alegacións, unha nova Ordenanza para o impulso social da lingua galega, que xa entrou en vigor

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 27 de novembro publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso social da lingua galega no concello de Carballo, unha proposta que foi aprobada no pleno municipal o 30 de setembro de 2013.

Este texto, como moitos outros que están en vigor en arredor de 40 concellos de todo o país, declara o galego como lingua propia e oficial do Concello, lingua que a administración municipal debe usar por defecto, tanto oralmente como por escrito, en todas as súas actuacións e comunicacións.

Ao longo dos seus 13 capítulos e 23 artigos, regúlase o uso do galego e a acción lingüística do concello na atención ao público; na documentación; nas publicacións e accións informativas e formativas; na compra de bens e materiais e encargo e contratación de servizos; na sinalización; na relación con outras administracións; na relación con empresas privadas; no persoal ao servizo da administración; na toponimia e nomes de rúas, emprazamentos e edificios; etc.

ALGUNHAS ACCIÓNS PARA O IMPULSO SOCIAL DO GALEGO

Nos distintos ámbitos, algunhas accións que quedan reguladas de cara ao impulso social da lingua son, por exemplo, que “na contratación de publicidade, o Concello terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego” (art. 7.2); para que o Concello colabore en “accións informativas ou formativas” (art. 8.3) ou en “en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas, etc.” (art. 9.3) organizadas por outras entidades será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega; “para as compras de bens e materiais de todo tipo que faga o Concello estableceranse criterios para procurar que os a bens e materiais estean en galego, xa sexa na súa etiquetaxe, configuración, uso, etc.” (art. 11.1); “O Concello de Carballo poñerá en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega” (art. 21.2); “para a concesión de subvencións e axudas municipais valorarase como criterio que se terá en conta que as actividades realizadas contribúan a normalizar o uso da lingua galega. Do mesmo xeito, as publicacións, a cartelaría, a publicidade e toda produción de todas as actividades das entidades que vaian estar subvencionadas polo Concello deberán estar en lingua galega” (art. 21.4)

POLA CALIDADE LINGÜÍSTICA E A LINGUAXE INCLUSIVA E DEMOCRÁTICA

A Ordenanza para o impulso social da lingua galega tamén establece que o concello, en todas as súas comunicacións, “debido a que todos os textos do Concello transmiten a imaxe da propia administración municipal e a que os textos emitidos desde a administración pública adoitan ser interpretados como modelos de lingua, en todos os textos, documentos e comunicacións do Concello de Carballo coidarase especialmente a calidade e corrección lingüística” (art. 22.1), ou que “en toda comunicación e documentación municipal usarase unha linguaxe inclusiva, utilizando as fórmulas non sexistas axeitadas que inclúan os dous xéneros cando os textos e comunicacións se dirixan tanto a mulleres como a homes, evitando así fórmulas sexistas, ocultación dun dos xéneros e posibles ambigüidades” (art. 22.3).

O SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os obxectivos e as funcións do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal tamén quedan establecidas nesta ordenanza (art. 22), e indícase que debe “ser estable e estar dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais”, e fixa as súas funcións para a aplicación da ordenanza e as súas tarefas nas áreas de dinamización, formación e asesoramento lingüístico.

A Ordenanza para o impulso social da lingua galega no concello de Carballo foi negociada e consensuada entre todos os grupos políticos con representación na corporación municipal, e foi finalmente aprobada cos votos a favor de BNG (10) e Terra Galega (2), e coas abstencións do PP (8) e PSOE (1).

Texto completo da ordenanza, no BOP da Coruña do 27/11/2013 >

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio