Segundo manifestou o autor nun artigo en Galicia Hoxe e mais no seu blog, “neste libro recóllense diferentes textos sobre a situación lingüística de Galiza, nos cales se sinalan os problemas máis importantes para a recuperación e extensión social do idioma galego en diferentes ámbitos, mais tamén se propoñen alternativas, tanto a nivel institucional como individual”.
“Sublíñase, así, a importancia de que cada falante se active e solicite, de forma constante, intelixente e procurando empatías, o dereito básico a poder vivir en galego nos diferentes ámbitos. Porque, como di o acertado lema, sen reivindicacións non hai conquistas”.
Segundo Callón, nos traballos que compoñen a obra preténdese “transmitir unha análise da situación lingüística do noso país lonxe dos narcóticos e prexuízos máis habituais. É unha radiografía descarnada, mais non catastrofista, xa que parte da convicción de que hai que coñecer a realidade para transformala”.
En En castellano no hay problema recóllense artigos que Carlos Callón publicou desde 1997 até hoxe, con reflexións sobre a política lingüística que van desde as dúas últimas lexislaturas de Fraga até algunhas achegas máis detidas sobre a política lingüística da lexislatura do bipartito e, especialmente, da lexislatura actual.
Deste xeito, “pódese facer un itinerario desde a reivindicación e conquista dun plan de normalización, ás dificultades da súa execución e a súa subordinación polo actual Goberno galego como un mero remuíño de ideas, que na práctica substitúen por un plan de extinción que aplican sen titubear”.
DATOS
En castellano no hay problema
Editorial Xerais, abril de 2010
264 páxinas
ISBN: 978-84-9914-140-4
Prezo: 17,60 €
En castellano no hay problema, libro de compilación de artigos de Carlos Callón
A editorial Xerais publica En castellano no hay problema, unha compilación de artigos de Carlos Callón sobre política lingüística desde 1997 até hoxe que pretenden provocar reflexións sobre a defensa da lingua galega