Dúas prazas de redactor/a-corrector/a na Deputación Provincial de Pontevedra
A Deputación Provincial de Pontevedra publicou no BOP do venres 26 de xuño as bases de varios procesos selectivos, entre eles para dúas prazas de redactor/a-corrector/a. O prazo de inscrición está aberto do 5 ao 24 de agosto.
A Deputación Provincial de Pontevedra publica a convocatoria (bases xerais e específicas) de dúas prazas de redactor/a-corrector/a dentro do seu Plan de estabilización de emprego temporal.
CARACTERÍSTICAS DAS PRAZAS
As prazas son de persoal funcionario e integraranse no grupo C1 da escala de Administración especial, subescala técnica, clase auxiliar.
REQUISITOS PARA PARTICIPAR NO PROCESO SELECTIVO
Dado que son prazas do grupo C1, só se require título de Bacharelato, técnica ou técnico ou equivalente.
SISTEMA DE SELECCIÓN
O sistema de selección é o concurso-oposición libre.
No concurso valorarase a experiencia profesional, méritos académicos (entre os cales se inclúen titulacións universitarias directamente relacionadas coas prazas) e cursos de formación.
A oposición consistirá en tres exercicios obrigatorios e eliminatorios:
– exame tipo test
– desenvolvemento de dous temas
– suposto práctico
O programa inclúe oito temas sobre materias xerais e 32 sobre materias específicas, que abranguen un coñecemento amplo sobre a corrección e a edición de textos, a gramática, a linguaxe administrativa ou a cohesión textual.
PRAZO DE INSCRICIÓN
O prazo de inscrición neste proceso selectivo é de 20 días naturais desde o seguinte á publicación da convocatoria no BOE, anuncio que se publicou no BOE do 4 de agosto de 2020. Polo tanto, o prazo de matrícula é do 5 ao 24 de agosto.
BOLSA DE EMPREGO
Tras a resolución do proceso selectivo, a Deputación poderá confeccionar unha bolsa de emprego para cubrir futuras vacantes ou substitucións.
Bases completas, en pdf. (BOP de Pontevedra do 26 de xuño de 2020)
Anuncio da convocatoria no DOG, en pdf. (DOG do 23 de xullo de 2020)
Anuncio da convocatoria no BOE, en pdf. (BOE do 4 de agosto de 2020)