Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as “Bases para o decreto do plurilingüismo”

O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou o 1 de febreiro o seu ditame sobre as "Bases para o decreto do plurilingüismo", un documento de 25 páxinas que ofrecemos aquí e no que se conclúe que "en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan un paso atrás no proceso de normalización", que o discurso sobre o idioma debe deixar de formularse "en termos de problema" e que debe cumprirse o consensuado no PXNLG.

Ditame do Consello da Cultura Galega (CCG) sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” [.pdf]

Neste ditame, ademais de concluír que calquera modificación da normativa legal sobre lingua debe estar arroupada por un “amplo consenso político, social e institucional”, algo que non se dá coas bases aprobadas polo goberno, o CCG insiste na súa proposta de “constitución dunha comisión parlamentar que elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do PXNLG, unha proposta que debera forxarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura”.

En resumo, e en relación coas bases, o ditame do CCG pode sintetizarse nos seguintes 10 puntos:

1. O nome da norma debería facer referencia á promoción do galego

2. O galego debería seguir sendo a lingua da Administración educativa

3. A introdución dunha lingua estranxeira como vehicular nun terzo do horario lectivo é, por unha banda, precipitada, e por outra, non ten lugar introducila nun decreto que debería regular o uso das linguas oficiais

4. A utilización de vehicular dunha lingua estranxeira debería ser, en todo caso, voluntaria

5. Debe contemplarse a oferta educativa en galego no primeiro ciclo da educación infantil (0-3 anos), tal como sinala o PXNLG

6. No segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos), debe seguirse como criterio xeral o uso na aula da lingua predominante entre o alumnado, mais recomenda prestar unha maior atención á lingua minoritaria nas aulas

7. Na etapa de educación infantil deben recollerse dúas previsións do PXNLG: o uso do galego nun terzo do horario nos ambientes castelanófonos e a posta en marcha de programas experimentais e voluntarios en galego para castelanfalantes

8. En Primaria, Secundaria e Bacharelato debe respectarse o sinalado no PXNLG, onde di que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”

9. As previsións referentes á consulta ás familias sobre a lingua vehicular de parte do ensino deben decaer do decreto

10. As previsións atinxentes ao uso libre, oral e escrito, do galego e do castelán por parte dos/as estudantes deben ser rectificadas. O principio xeral debe ser o do uso da lingua en que cada materia é impartida.

O informe, aprobado no Plenario do CCG o 1 de febreiro, foi elaborado previamente por unha comisión composta por Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez Blanco, Víctor Fernández Freixanes, José Antonio García Caridad, Ramón Máiz e Helena Villar Janeiro. Tamén participaron como asesores Felipe Ferreiro Feijoo e Bieito Silva Valdivia.

Ditame do Consello da Cultura Galega (CCG) sobre as “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” [.pdf]
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio